O presidente da Deputación visitará o Pozo do Cachón en Muros para avaliar a súa situación
A tenente alcalde e concelleira de Cultura e Turismo de Muros trasladou ao presidente da Deputación a necesidade de actuacións para preservar un dos maiores muíños de mareas de Europa
O Pozo do Cachón está actualmente pechado ao público por deficiencias estruturais

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse hoxe coa tenente de alcalde e concelleira de Cultura e Turismo de Muros, Caridad González Cerviño, para abordar a situación do Pozo do Cachón, un dos muíños de marea máis importantes que se conservan en Europa, que permanece pechado ao público debido a diversos problemas estruturais.
Durante a Semana Santa, o Concello de Muros viuse obrigado a suspender as visitas ao inmoble por mor das filtracións de auga causadas polo mal estado da cuberta e pola afectación que a salinidade está a provocar na pedra do edificio, comprometendo a súa conservación, segundo explicou Caridad González Cerviño.
A concelleira trasladou ao presidente da Deputación a necesidade dunha intervención para preservar este elemento patrimonial, etnográfico e museístico de gran valor para o concello e para toda a comarca.
Formoso interesouse pola situación do edificio e comprometeuse a visitar persoalmente o Pozo do Cachón acompañado de persoal técnico do departamento de Patrimonio da Deputación para supervisar in situ o seu estado e analizar as posibles actuacións que contribúan á conservación deste singular inmoble.
O Pozo do Cachón, tamén coñecido como Muíño de Bazarra, foi construído a comezos do século XIX e destaca polo seu dique de máis de 230 metros que aproveita o movemento das mareas para moer o gran. No seu día, chegou a contar con catro moas capaces de transformar máis de 200 quilos de gran por hora.
O muíño foi rehabilitado nos anos 90 con fondos da Deputación da Coruña para transformalo nun centro cultural e museo, sendo un dos principais atractivos turísticos e patrimoniais do municipio de Muros.