O presidente da Deputación e o alcalde de Pontedeume visitan as melloras realizadas na sede da Asociación Veciñal e Cultural “Mariano Ruiz” da parroquia de Andrade
A entidade veciñal recibiu nos últimos anos axudas da Deputación para mellorar as súas instalacións e adaptalas ás novas necesidades da veciñanza

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, a deputada Rosa Ana García e o alcalde de Pontedeume e portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández, realizaron unha visita á sede da Asociación Veciñal e Cultural "Mariano Ruiz", situada na parroquia de Andrade, para coñecer de primeira man as melloras levadas a cabo nas instalacións grazas ao apoio económico da Deputación.
Acompañados por representantes da entidade, ambos os dous responsables públicos percorreron as distintas dependencias do edificio, que nos últimos anos vén de sendo renovado e adaptado para prestar un mellor servizo á veciñanza. As obras executadas nos últimos anos supuxeron un investimento superior aos 80.000 euros, procedentes das liñas de axudas da área de Promoción Económica da Deputación da Coruña destinadas ao tecido asociativo local.
As actuacións incluíron a substitución das ventás por outras máis eficientes desde o punto de vista enerxético, a renovación da cuberta do edificio, a mellora dos vestiarios e zonas comúns, a habilitación de novos espazos no soto e a eliminación de barreiras arquitectónicas para garantir a accesibilidade universal. Estas intervencións permitiron adecuar o local ás necesidades actuais da entidade e da comunidade á que atende, converténdoo nun espazo máis funcional e cómodo.
Durante a visita, Valentín González Formoso puxo en valor o papel fundamental das asociacións veciñais como motor de cohesión social, especialmente no rural: "As entidades como esta son un exemplo do esforzo colectivo e do compromiso coa comunidade. Desde a Deputación queremos seguir estando ao seu carón, apoiando proxectos que melloren a calidade de vida da veciñanza".
Pola súa banda, o alcalde Bernardo Fernández destacou "o dinamismo desta asociación, hoxe dirixida por xente moza moi comprometida coa parroquia de Andrade, que herdan un traballo realizado durante décadas para dinamizar a vida social, cultural e deportiva".
A Asociación Veciñal e Cultural "Mariano Ruiz" conta actualmente con 75 socios e mantén unha intensa actividade ao longo de todo o ano, organizando obradoiros, eventos culturais, actividades deportivas e iniciativas de lecer para nenos, mozos e maiores. A súa orixe remóntase aos anos 80, cando se produciu a fusión entre a antiga asociación veciñal e a asociación cultural da parroquia. Desde entón, leva o nome de Mariano Ruiz en homenaxe a un querido profesor de Andrade, moi lembrado e recoñecido pola súa implicación coa comunidade.
A Deputación da Coruña segue apostando polo fortalecemento do tecido asociativo e veciñal co impulso de melloras nas infraestruturas e actividades destas entidades, especialmente no medio rural, como ferramenta clave para contribuír a fixar poboación e garantir igualdade de oportunidades.