Estás en:Emprego

A Mostra do Encaixe Deputación da Coruña celebra a súa 34ª edición convertida nun símbolo internacional da artesanía con alma

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, destacan o papel central das palilleiras na preservación dunha arte "valorada en todo o mundo"

A Mostra do Encaixe Deputación da Coruña celebra a súa 34ª edición convertida nun símbolo internacional da artesanía con alma

Camariñas acolleu esta tarde a inauguración oficial da 34ª edición da Mostra do Encaixe Deputación da Coruña, unha cita consolidada como referente internacional da artesanía galega e un escaparate para a moda, a innovación e a tradición.

O acto estivo presidido polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e pola alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, acompañados pola subdelegada do Goberno, María Rivas, o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén e numerosos representantes institucionais e alcaldes e alcaldesas da comarca da Costa da Morte, así como por numerosos veciños e visitantes.

No seu discurso inaugural, Formoso destacou que a Mostra do Encaixe "é moito máis que un evento cultural, é un encontro interxeracional que conecta o pasado e o futuro, a tradición e a vangarda". O presidente provincial salientou que durante estes días "Camariñas convértese no epicentro mundial dunha arte que nos identifica e nos enche de orgullo: o encaixe de palillos, transmitido de xeración en xeración, que hoxe é deseño, moda e arte".

O evento naceu hai máis de tres décadas como unha pequena feira local, e foi evolucionando co paso dos anos ata converterse nun dos grandes acontecementos culturais e turísticos de Galicia cada Semana Santa. Un espazo que mantén vivas as súas raíces e, ao mesmo tempo, abre portas á creatividade das novas xeracións.

Tres décadas de apoio da Deputación

A Deputación da Coruña, que desde hai uns anos tamén dá nome á Mostra, leva máis de 30 anos apoiando este evento. "Sabemos o que significa para Camariñas, para a Costa da Morte e para Galicia enteira", afirmou Formoso, quen engadiu que "o apoio á Mostra é apoio ao territorio, é apostar pola nosa identidade como pobo e por un modelo de desenvolvemento que combina tradición, cultura e economía local".

O presidente agradeceu especialmente o traballo da alcaldesa, Sandra Insua, da concelleira da Mostra, Encarna Liñeiro, da directora do evento, Dolores Lema, e do equipo técnico e voluntariado "que poñen o corazón en cada detalle para que Camariñas brille con luz propia nestes días".

As palilleiras, verdadeiras protagonistas da Mostra

Durante o seu discurso, Formoso puxo en valor "ás verdadeiras protagonistas" da Mostra: as palilleiras. "As mulleres que mantedes viva unha tradición de séculos coas vosas mans expertas, o voso saber e o voso tempo. Representades o mellor da nosa cultura: a dedicación, a paciencia, o mimo polos detalles máis pequenos", afirmou. O seu traballo, sinalou, "é un patrimonio vivo que debemos preservar, recoñecer e proxectar cara ao futuro".

A Mostra conta tamén cun concurso de novos talentos, unha das súas apostas máis recoñecidas, xa que ofrece unha excelente plataforma para que deseñadores e deseñadoras emerxentes dean os seus primeiros pasos no mundo da moda. "Hai futuro, hai creatividade e hai mozos e mozas que apostan por quedar, crear e construír dende aquí", afirmou o presidente da Deputación.

Nesta edición, volverán desfilar pola pasarela da Mostra grandes nomes do deseño, así como estudantes e creadores emerxentes que integran o encaixe nas súas propostas de moda contemporánea, mostrando a súa versatilidade e capacidade de diálogo co presente.

Unha arte valorada en todo o mundo

A Mostra do Encaixe é tamén unha mostra do potencial do patrimonio cultural como motor económico. "O encaixe é arte, pero tamén é emprego, é economía local, é turismo sostible", subliñou Formoso. Cada persoa que visita Camariñas nestes días "leva consigo unha parte da nosa historia e tamén unha visión do que Galicia pode ofrecer ao mundo: creatividade, autenticidade e beleza".

O presidente da Deputación rematou a súa intervención cun convite aberto a toda a cidadanía a visitar a Mostra, a gozar da beleza das pezas artesás, dos desfiles, as actividades lúdicas e culturais e do ambiente único dunha vila que converteu o seu saber tradicional nun acontecemento colectivo. "Sigamos traballando xuntos para que o encaixe siga sendo unha arte viva, transmitida, valorada e admirada en todo o mundo", concluíu.

Pola súa banda, a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, salientou que "esta Mostra, coma todas, é unha festa, si, pero tamén é unha homenaxe, un recoñecemento á nosa historia, á nosa tradición e, sobre todo, ás mulleres que fixeron posible que o encaixe de Camariñas chegase ata aquí". "O que fan as nosas palilleiras é arte, é técnica, é herdanza e é futuro. Son mulleres valentes, sabias, decididas e libres, que souberon transformar algo doméstico nun elemento de vangarda, por iso dicimos que a Mostra é un acto de reivindicación feminista, porque aquí o protagonismo é das mulleres, das que estaban antes ca nós, e das que veñen detrás, aprendendo, orgullosas do que lles deixaron", afirmou.

A rexedora tamén quixo facer un recoñecemento "a todas as persoas que traballan no noso mar. Esa xente que, en silencio, ergue Camariñas día tras día. Con esforzo, con humildade e cun orgullo que non se anuncia pero que se sente".

Tamén agradeceu o "apoio constante da Deputación da Coruña que desde hai anos forma parte do nome oficial da Mostra. Grazas polo compromiso, pola aposta pola nosa cultura e pola confianza nun pobo pequeno, si, pero cunha alma inmensa tecida a palillos".

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X