O deputado, Xosé Penas, inaugura en Carnota o XII Víndemo Ver Mercado da Deputación
Esta mostra de promoción local que se celebra en Carnota do 17 ao 20 de abril aglutina cultura, artesanía, música, tradición, natureza e gastronomía
Co apoio da Deputación, esta feira inclúe a promoción de produtos locais, gastronomía e artesanía, así como actividades culturais e de ocio activo, "para poñer en valor a nosa paisaxe que sabe dun xeito sempre responsable co territorio e cos nosos recursos naturais" sinalou Penas

A feira "Víndemo Ver Mercado da Deputación" chega a súa décimo segunda edición, comenzando hoxe na praza de San Gregorio, onde se poderá visitar ata o domingo 20 de abril. Produtos locais da horta, artesanía e gastronomía conforman o Mercado da Deputación, "co obxectivo de poñer en valor a nosa 'paisaxe que sabe', nesta feira que xa é de referencia" sinalou o deputado provincial, Xosé Penas, que asistiu á inauguración desta tarde onde estivo acompañado do alcalde, Juan M. Saborido Rama e, posteriormente, da fotoxornalista Ana García; o investigador do centro oceanográfico de Vigo (IEO-CSIC), Francisco Rodríguez Hernández e Julio Canosa Marcote, da embarcación Fish-Terra, que protagonizaron unha charla – coloquio sobre o mar de Ardora.
Os visitantes poden degustar as receitas e produtos máis representativos da zona nos diferentes postos de comida e bebida neste evento no que tamén hai cabida para as actividades culturais, deportivas e de ocio para todos os públicos. "Víndemo ver é un bo exemplo de turismo responsable co territorio, promovendo os nosos recursos dun xeito respectuoso" afirmou Penas. "Non se trata só de promoción turística, senón que esta iniciativa visibiliza o traballo dos nosos produtores e produtoras, contribuíndo, polo tanto, á mellora socioeconómica local a través da xeración de oportunidades e da diversificación".
"E non só iso", engadiu o deputado, "senón que esta mostra inclúe tamén plans de ocio e turismo activo como andainas, rutas BTT e tamén culturais. Unha iniciativa de promoción local cun programa moi completo e diverso para todo tipo de públicos que, iso si, ten ben definido o seu obxectivo de poñer en valor todos os recursos que este recuncho da Costa da Morte é quen de ofrecer".
Penas convidou ao público a "vídeo ver", e aproveitar o período vacacional para desfrutar da Costa da Morte, "un territorio que aínda conserva a súa autenticidade, no que podes atopar grandes xoias patrimoniais, e tamén recursos naturais que son un auténtico privilexio, e que debemos coidar e preservar para poder seguir non só visitando esta zona, senón tamén vivindo nela".