A Deputación da Coruña destaca a importancia estratéxica de Navantia Ferrol e da construción naval para o emprego e a industria da comarca
Formoso asistiu hoxe ao acto de posta da quilla da fragata F-112 "Roger de Lauria", que estivo presidido pola ministra de Defensa, Margarita Robles

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou este venres no acto de posta da quilla da fragata F-112 "Roger de Lauria" e o corte de chapa da fragata F-113, que tivo lugar nas instalacións de Navantia en Ferrol, nun evento que estivo presidido pola ministra de Defensa, Margarita Robles e que contou coa presenza tamén do presidente de Navantia, Ricardo Domínguez, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, entre outras autoridades.
Tras o acto, o presidente da Deputación destacou o papel central que xoga o sector da construción naval na economía da comarca e na vertebración do territorio: "Falamos dunha industria estratéxica para Ferrolterra, que representa miles de empregos directos e indirectos, de alto valor engadido, e que leva décadas sendo un motor de desenvolvemento para esta terra".
A fragata F-112 forma parte dun programa de construción de cinco fragatas F-110 para a Armada española, un proxecto que xera arredor de 9.00 empregos directos e indirectos, consolidando a relevancia de Navantia Ferrol como centro de referencia nacional en tecnoloxía naval avanzada.
"Desde a Deputación, reafirmamos o noso compromiso con todas as iniciativas que contribúan a fortalecer o tecido produtivo de Ferrolterra. O futuro desta comarca está ligado á innovación, á cualificación profesional e á aposta pola industria da construción naval", asegurou o presidente provincial.
O mandatario provincial aproveitou tamén a súa presenza no acto para saudar e recoñecer o traballo do cadro de persoal de Navantia, aos que agradeceu o seu esforzo e compromiso nun proxecto que, ademais de fortalecer a capacidade das Forzas Armadas, contribúe a garantir un futuro industrial na comarca.