Arranca unha nova edición da Feira do libro de Ferrol co apoio da Deputación
Na inauguración participou a deputada provincial Cristina García Rey

Co lema "Onde florecen os libros", esta mañá inaugurouse na Praza da Constitución a Feira do libro de Ferrol 2025, nun acto no que participaron a deputada provincial Cristina García Rey; Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura da Xunta de Galicia; Javier Díaz Mosquera, tenente de alcalde de Ferrol; Antonio Martínez, representante da Libraría Day e da Federación de Librarías de Galicia; e Ana Isabel Bello Platas, pregoeira desta edición.
"Estes días, Ferrol convértese nun lugar especial, onde os libros saen á rúa, onde medran as historias, onde, tal e como di o lema deste ano, 'Onde florecen os libros', tamén florece o encontro, o gusto pola lectura, a imaxinación... todo iso que nos fan sentir os libros cando atopan o seu lugar entre as nosas mans e nas nosas vidas" expresou a deputada, que sinalou tamén que as feiras do libro son "moito máis ca un espazo de venda", pois son "un punto de encontro, unha celebración colectiva da lectura". Por iso, engadiu, "desde a Deputación da Coruña queremos seguir apoiando estas feiras, aquí en Ferrol, en Santiago, en Rianxo ou na Coruña... Porque cremos nunha cultura que chega a todas partes, que se comparte, que se vive en común. E porque cremos que ler nos fai máis libres, máis críticos e máis humanos".
Cristina García deulle as grazas "ás librarías, ás editoras, ás autoras e autores, e tamén a todas as persoas que facedes posible este encontro cada ano" e, sobre todo, "a quen vén e lle dá vida á feira, ás lectoras e lectores que facedes que os libros sigan a florecer".
A feira desenvolverase do 25 ao 27 de abril, cunha ampla programación que inclúe actividades infantís, obradoiros creativos, contacontos, presentacións de libros e sinaturas de autoras e autores e autoras de toda Galicia, como Antía Yáñez ou Paula Merlán, e escritores e escritoras da comarca de Ferrolterra, como Iago Fandiño, Roberto Cagiao, Miguel Gacio, ou Teresa Cameselle.