Estás en:Emprego

Valentín González Formoso pon en valor o “esforzo incansable de toda unha xeración” no XXI Xantar dos Nosos Maiores de Vimianzo

No pavillón municipal vimiancés déronse cita preto de 1.200 persoas maiores de 60 anos para compartir unha comida e historias de épocas pasadas

Valentín González Formoso pon en valor o “esforzo incansable de toda unha xeración” no XXI Xantar dos Nosos Maiores de Vimianzo

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a deputada de Política Social, Mar García Vidal, asistiron hoxe xunto á alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, á XXI edición do 'Xantar dos Nosos Maiores', organizado polo Concello de Vimianzo, que tivo lugar no pavillón municipal vimiancés.

Neste evento déronse cita preto de 1.200 persoas maiores de 60 anos chegados de todos os puntos do concello para compartir algo máis ca unha comida, pois tamén leva anos consolidándose como un punto de encontro anual para lembrar vivencias de épocas pasadas.

Formoso felicitou á alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, por desenvolver un evento tan valorado entre a veciñanza do municipio e que logra o seu obxectivo: promover a cohesión social e o encontro entre as persoas maiores do municipio.

Na súa intervención, o presidente da Deputación destacou que "este xantar é un símbolo de recoñecemento, unha homenaxe a toda unha xeración que se caracteriza polo esforzo incansable e que agora merece gozar de todo o logrado". Valentín González Formoso fixo fincapé tamén no pasado emigrante de Vimianzo e do "exemplo que sodes todos e todas vós para as xeracións futuras, creando unha sociedade mellor para os que vimos por detrás.

Para rematar, afirmou que "se Vimianzo é hoxe unha das vilas máis dinámicas da Costa da Morte é por esas bases firmes sentadas durante xeracións, caracterizadas polo amor a esta terra, mesmo cando había milleiros de quilómetros de distancia".

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X