O Maio Jazz volve ao Teatro Colón para ofrecer cinco noites de improvisación, raíz e vangarda
Taibo, Verónica Ferreiro & Javier Sánchez Quinteto, Diego Alonso 5tet, Carlos Miyares and The Cuban Quintet e Sumrrá protagonizarán un ciclo que se celebrará os días 9, 10, 11, 17 e 24 do vindeiro mes
O Teatro Colón acolleu esta mañá a presentación, na que participaron a deputada de cultura, Natividade González, e os músicos Abe Rábade (Taibo); Carlos Miyares e Manuel Gutiérrez (Sumrrá)
Os convites xa se poden retirar na plataforma Ataquilla.com

O Teatro Colón volverá converterse no escenario galego de referencia para os afeccionados do jazz contemporáneo cunha nova edición do Maio Jazz, organizado polo departamento de Cultura da Deputación da Coruña. Taibo, Verónica Ferreiro & Javier Sánchez Quinteto, Diego Alonso 5tet, Carlos Miyares and The Cuban Quintet e Sumrrá protagonizarán un ciclo que se celebrará os días 9, 10, 11, 17 e 24 do vindeiro mes e que se presentou esta mañá no teatro coruñés, nunha rolda de prensa da que participaron a deputada de Cultura, Natividade González, a quen acompañaron Abe Rábade (Taibo); Carlos Miyares e Manuel Gutiérrez (Sumrrá).
Ao longo de cinco noites, o público poderá gozar dunha programación diversa e de altísima calidade, cunha coidada selección de formacións galegas e internacionais que exploran distintas linguaxes do jazz, desde as raíces afrocaribeñas ata a vangarda europea, pasando pola tradición americana e o jazz moderno máis sofisticado.
"Este ciclo forma parte da aposta da Deputación por unha cultura accesible, transformadora e que pon o foco no talento e nos creadores e creadoras" sinalou a deputada, Natividade González. "Un ano máis programamos o Maio Jazz cun elenco marabilloso de artistas, con 5 concertos que ocuparán os nosos fins de semana de maio. E é que co Maio Jazz comeza a primavera, que chega para facer florecer a música neste teatro".
Os músicos presentes na presentación, Abe Rábade, Carlos Miyares e Manuel Gutiérrez, agradeceron á Deputación "o convite" para participar no ciclo, explicando cada un dos espectáculos que desenvolverán durante as próximas semanas. Convidaron a todo o público a asistir aos concertos.
O cartel
Rosalía Gómez Lasheras, Abe Rábade e Alejandro Vargas únense para dar forma a Taibo, unha inusual proposta a tres pianos que conxuga os particulares universos sonoros dos tres intérpretes para celebrar a Luís Taibo, un extraordinario compositor e pianista compostelán, cuxa obra se cría perdida. O 9 de maio, o trío tamén nos descubrirá no Colón o pensar e o sentir do mestre santiagués a través do misterio da palabra poética cantada por un artista sorpresa aínda por revelar.
O 10 de maio, Verónica Ferreiro e Javier Sánchez sacudirán os códigos do jazz, creando esa paisaxe sonora innovadora e vibrante que xa estaba presente no seu primeiro traballo, Camiño, que namorou ao público de prestixiosos escenarios coma os do Festival JazzMadrid ou o Jazzaldia de Donostia. Na segunda cita do Maio Jazz, Verónica (voz) e Javier (guitarra) presentarán novas creacións, expandindo o seu rexistro e explorando o folclore, acompañados de tres recoñecidos músicos da escena jazz española: Moisés P. Sánchez (piano), Ander García (contrabaixo) e Borja Barrueta (batería).
O primeiro fin de semana do ciclo rematará o 11 de maio co concerto de Diego Alonso 5tet. O quinteto –liderado polo saxofonista e compositor vigués, nunha formación que completan Pablo Patiño, no contrabaixo; Antón Quintela, na batería; Xan Campos, no piano, e Virxilio da Silva, na guitarra eléctrica– presentarán Nihil, o primeiro álbum de Alonso como compositor, finalista dos Premios Martín Códax da Música no ano 2024. O quinteto comparte unha profunda relación, tanto académica como profesional, coa escena jazzística galega e portuguesa, pero tamén coa española e doutros países, onde os compoñentes formaron parte de diversos proxectos.
A proposta coa que chegan á Coruña Carlos Miyares & The Cuban Quintet o 17 de maio bebe do jazz afrocaribeño, do bebop e das músicas tradicionais de Cuba. Miyares actuou con Chucho Valdés en numerosos escenarios de prestixio en todo o mundo, incluíndo o Montreux Jazz Festival, North Sexa Jazz, Jazz at Lincoln Center, Jazz in Marciac, Jazz a Vienne, Stockcolm Jazz Festival, Barcelona Jazz Festival, Enjoy Jazz, Marseille Jazz des Cinq Continents, Jazz a Juan, Jazz á Villette, Berklee College of Music, Festival Internacional de Puebla, Festival Jazz Plaza e moitos máis. Tamén colaborou con artistas como Archie Shepp, Wynton Marsalis & The Jazz at Lincoln Center, Harold López Nussa, Roberto Carcasses, Roberto Fonseca, Horacio "El Negro" Hernández, Omara Portuondo, Carlos Valera, Zuccero, Francisco Céspedes, Antonio Sánchez, entre outros. No Colón, Iván "Melon" Lewis (piano), Reinier Elizarde Negrón (contrabaixo), Bárbaro Torres (batería) e Yaroldy Abreu (percusión) completarán a formación de Miyates (saxo tenos).
Pecharán o ciclo, o 24 de maio, un dos tríos máis recoñecidos do jazz contemporáneo galego, Sumrrá, que ofrecerá un concerto exclusivo e moi especial para a programación do Maio Jazz 2025, onde revisará toda a súa discografía. A formación (Manuel Gutiérrez, piano; Xacobe Martínez Antelo, contrabaixo, e LAR Legido, batería) celebra 25 anos en activo, atesourados con centos de concertos por todo o mundo. Respectados pola crítica, e cunha lexión de seguidores ás costas, veñen de recibir o Premio Plataforma Jazz España á súa traxectoria. Pero non só hai xiras nacionais e internacionais na carreira da banda, protagonista dunha residencia artística que conta xa con máis de 200 concertos dominicais na súa cidade, Santiago de Compostela.
Os convites para asistir a cada un dos cinco concertos poden retirarse na plataforma ataquilla.com. Todos os concertos comezarán ás 20 horas.