A Deputación inicia os trámites de expropiación para as obras de ampliación e mellora da estrada DP 2502, en Valdoviño
As obras supoñen un investimento de preto de 420.879 euros, dos que 36.000 € se destinan a expropiacións
Os veciños propietarios dos terreos están citados o día 3 de xuño na antiga unitaria de Vilaboa

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe o anuncio do levantamento de actas previas á ocupación dos terreos dos 38 predios afectados polo proxecto de ampliación e mellora da seguridade da estrada provincial DP 2502 en Vilaboa (Valdoviño).
Os veciños e veciñas propietarios dos terreos están citados o día 3 de xuño na antiga escola unitaria de Vilaboa, entre as 10.30 e as 12.00 horas.
O proxecto supón un investimento de 420.879 euros, dos que algo máis de 36.000 € se destinarán a expropiacións dos terreos necesarios para a ampliación da plataforma da calzada .
A plataforma da estrada ampliarase para conseguir un ancho total de 8,25 m., con dous carrís de 3 metros de ancho en cada sentido de circulación, unha pequena beiravía exterior esquerda de 25 cm de ancho e unha beiravía exterior dereita de 2 metros de ancho que permitirá o tránsito seguro de peóns. A beiravía transitable executarase cunha capa de rodaxe con formigón hidráulico coloreado para distinguilo do resto da plataforma, priorizando o uso de cores que se integren co medio no que se implantará a obra.
A sinalización da estrada realizarase completa, tanto a sinalización horizontal coma a vertical. Ademais, colocaranse varios redutores de velocidade tipo lombo de asno ao longo do tramo.