A Deputación da Coruña recibe en Córdoba o Premio Progreso polo modelo pioneiro da súa Rede de Espazos de Coworking
A Rede Provincial de Coworking permitiu lanzar 263 iniciativas empresariais e crear máis de 500 empregos, maioritariamente no rural, consolidándose como referente estatal no impulso ao emprendemento desde o ámbito local
A deputada de Emprego, Rosa Ana García, destaca que a Rede "non é só un conxunto de centros de traballo, é unha ferramenta vertebradora do territorio, que permite descentralizar servizos, impulsar proxectos empresariais e fortalecer o tecido produtivo local desde abaixo, especialmente no rural, onde máis se necesitan alternativas viables"
A Deputación da Coruña recibiu este martes en Córdoba o XIII Premio Progreso, concedido pola Federación Andaluza de Municipios e Provincias (FAMP), a Fundación para el Desarrollo de los Pueblos de Andalucía (FUDEPA) e o Fondo Andaluz de Municipios para a Solidaridade Internacional (FAMSI), pola súa innovadora Rede Provincial de Espazos de Coworking.
O galardón foi recollido pola deputada de Industria, Emprego e Medio Ambiente, Rosa Ana García, quen agradeceu o recoñecemento en nome da institución e puxo en valor "o esforzo colectivo de tantos concellos, profesionais e persoas emprendedoras que cren no potencial transformador do emprego local e no talento que temos na provincia da Coruña".
Na súa intervención no Palacio da Merced, sede da Deputación de Córdoba, García asegurou que este galardón "non só recoñece un proxecto, senón unha forma de facer política desde o local, con compromiso, innovación e aposta polo rural". E engadiu: "Desde a Deputación apostamos por políticas transformadoras, que dean respostas reais aos retos do noso tempo: a despoboación, a desigualdade territorial, a fenda dixital, o desemprego xuvenil e a necesidade de avanzar cara a unha economía máis verde e sostible".
A deputada subliñou que a Rede de Coworking "non é só un conxunto de centros de traballo, é unha ferramenta vertebradora do territorio, unha rede que permite descentralizar servizos, impulsar proxectos empresariais e fortalecer o tecido produtivo local desde abaixo, especialmente no rural, onde máis se necesitan alternativas viables".
"Ver hoxe este traballo recoñecido desde Andalucía con este galardón é unha motivación extra para seguir innovando, acompañando e abrindo portas para todas aquelas persoas que queren apostar pola súa terra", sinalou, destacando o valor social e humano que representan as máis de 250 iniciativas emprendedoras que naceron ao abeiro da Rede, "proxectos que non só xeran emprego, senón que dan vida aos nosos pobos".
A Rede está composta por 11 centros distribuídos por toda a provincia, cunha especialización temática adaptada ás potencialidades de cada comarca. Os espazos ofrecen, ademais da infraestrutura, formación, asesoramento personalizado e oportunidades de colaboración e conexión profesional.
A deputada tamén tivo palabras de agradecemento para as entidades organizadoras do premio —FUDEPA, FAMP e FAMSI—, así como para a Deputación de Córdoba e o IPRODECO polo seu apoio á iniciativa. "Recoñecementos coma este axudan a visibilizar as boas prácticas dos concellos e a poñer en valor o papel decisivo das deputacións como axentes de desenvolvemento territorial".
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, enviou unha mensaxe de agradecemento a través de X na que destacou que "a Rede de Coworking é un proxecto pioneiro en España que puxemos en marcha con moita ilusión hai case unha década, e que hoxe se consolida como un modelo inspirador para outras administracións públicas".
A iniciativa naceu no marco do Plan de Emprego Local (PEL), o maior programa de emprego impulsado por unha administración local en Galicia, que suma xa un investimento de 120 millóns de euros e permitiu crear máis de 7.700 empregos e apoiar a milleiros de pemes, autónomos e concellos.
A entrega do Premio Progreso converteuse tamén nun espazo de encontro entre proxectos innovadores impulsados desde concellos e deputacións de toda España