Formoso reivindica en Boiro a importancia de apoiar o talento local e o emprendemento máis alá das grandes cidades
"A creación de emprego é clave para fixar poboación nas vilas e nos concellos máis pequenos", afirmou o presidente da Deputación da Coruña na clausura da II Feira de Emprego de Barbanza

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, clausurou este martes en Boiro a II Feira de Emprego de Barbanza, unha iniciativa que se consolida como punto de referencia no ámbito do emprego e o emprendemento na comarca. Acompañado polo alcalde de Boiro, José Ramón Romero García, Formoso puxo en valor o papel de eventos como este para xerar oportunidades reais no territorio e combater o despoboamento: "O emprego é clave. Sen empresas e sen oportunidades laborais, o rural queda baleiro", afirmou.
Na súa intervención, o presidente provincial destacou que "esta feira é moito máis ca un espazo de información ou orientación laboral: é un escaparate de talento e compromiso, onde se poñen en contacto as necesidades dun tecido empresarial potente coas aspiracións e capacidades de persoas que queren traballar ou emprender na súa terra". Destacou tamén a aposta do Concello de Boiro "por consolidar este evento e convertelo nunha referencia na comarca".
Formoso subliñou que o apoio ao emprendemento e á xeración de emprego de calidade máis alá das grandes cidades é unha das prioridades estratéxicas da Deputación da Coruña, e destacou os resultados do Plan de Emprego Local (PEL), que leva preto dunha década en funcionamento. "7.700 empregos creados, 2.700 pequenas empresas apoiadas, 4.000 autónomos que viron reducida a súa cuota á Seguridade Social. Son cifras que amosan un modelo de política pública que funciona e transforma o territorio", afirmou.
Entre as ferramentas clave dese modelo, o presidente fixo referencia á Rede Provincial de Coworking, con once centros espallados pola provincia —entre eles o Barbanza-Lab de Boiro—, que funcionan como viveiros de proxectos empresariais e espazos de innovación. "Onte mesmo recibimos en Córdoba un recoñecemento da Federación Andaluza de Municipios e Provincias como mellor iniciativa estatal de apoio ao emprendemento no rural. É unha mostra máis de que desde fóra miran para esta provincia, que estamos facendo as cousas ben e de que o futuro pasa por apoiar o talento e o emprendemento local", indicou.
Pola súa banda, o alcalde de Boiro, José Ramón Romero García, agradeceu a persenza do presidente da Deputación e destacou o esforzo do concello por ofrecer á veciñanza ferramentas que melloren a empregabilidade e impulsen o tecido produtivo local. "Hai que apostar pola formación, pola innovación e pola colaboración institucional para que a xente nova poida desenvolver aquí os seus proxectos vitais e profesionais", afirmou o rexedor boirense.
Ambos representantes coincidieron na importancia de que administracións locais e provinciais traballen da man para crear oportunidades e fixar poboación no rural.
A II Feira de Emprego de Barbanza incluíu ao longo destes dous días relatorios especializados sobre as novas competencias demandadas polo mercado laboral, como a intelixencia artificial, a economía circular, a dixitalización ou as estratexias de selección e formación de persoal. Tamén se celebraron obradoiros prácticos, espazos de asesoramento para persoas emprendedoras e encontros directos entre empresas e persoas candidatas.
Clausura do III Campionato barista de centros de educación especial
O presidente da Deputación, o alcalde de Boiro e a directora xeral de Formación Profesional, María Eugenia Pérez, participaron tamén no pazo de Goiáns na clausura do III Campionato barista de colexios de educación especial, un campionato práctico que se celebra na especialidade de servizos de restauración con centros de educación especial de toda Galicia.
Nesta edición participaron o CEE Manuel López Navalón (Santiago de
Compostela), o CEE Infanta Elena (Monforte de Lemos), o CEE Paxón
(Nigrán), o CEE Saladino Cortizo (Vigo), o CEE Pontevedra (Pontevedra), o
CEE Maria Mariño (A Coruña) e o CEE Terra de Ferrol (Ferrol).