A Deputación colabora cunha nova edición do (S8) Mostra de Cinema Periférico
A deputada provincial, Avia Veira, asistiu esta mañá á presentación, onde sinalou que "é un auténtico pracer para a Deputación da Coruña colaborar economicamente un ano máis co Festival S8 de Cinema Periférico. Un festival que cada ano medra, que sempre atopa algo novo, un motivo, un punto, unha realidade diferente: un lugar por onde medrar"
A entidade provincial apoia o desenvolvemento XVI edición do (S8) Mostra de Cinema Periférico a través da liña de subvencións FO223 a festivais audiovisuais, de artes escénicas e musicais da provincia da Coruña

O museo DOMUS acolleu esta mañá a presentación da XVI edición do (S8) Mostra de Cinema Periférico, que reunirá na Coruña a grandes nomes internacionais do cine de vangarda no 60º aniversario do Super 8. A deputada provincial, Avia Veira, asistiu á presentación desta nova edición que conta co apoio da Deputación a través da liña de subvencións a festivais audiovisuais, de artes escénicas e musicais da provincia da Coruña. "É un auténtico pracer para a Deputación da Coruña colaborar economicamente un ano máis co Festival S8 de Cinema Periférico. Un festival que cada ano medra, que sempre atopa algo novo, un motivo, un punto, unha realidade diferente: un lugar por onde medrar", sinalou Veira.
Durante a celebración do (S8), que se desenvolverá entre o 3 e o 8 de xuño, proxectaranse máis de cen pezas de artistas da península ibérica e internacionais, con 30 estreas mundiais e a maioría das obras rodadas en analóxico, e unha importante presenza feminina, que ocupa dous terzos do programa. "Cada ano abrides máis e máis o zoom cunha programación cada vez máis ambiciosa e aliñada co obxectivo fundamental da Área de Cultura da Deputación que é a de garantir o dereito á cultura: a creala e a desfrutala" destacou a deputada.
"Procuramos ese obxectivo coa nosa programación propia mais sobre todo grazas ao tecido cultural da provincia: apoiándoo, como facemos coa organización deste festival", engadiu. "Vós democratizades o acceso a pezas audiovisuais únicas coas que a cidadanía da Coruña poderá dar a volta ao mundo, e poderá gozar da creación dun feixe de mulleres que terman do s8 e o proxectan ao presente e ao futuro".
A Mostra afianza o seu papel como ponte coa escena de vangarda latinoamericana, con gran presenza de obras de países como Chile, Perú, Venezuela, Arxentina, Brasil, Bolivia ou México. Tamén amplía a sección Sinais, dedicada a obras de artistas novos. Ademais, a apertura do festival será unha sesión especial dedicada aos volcáns, que inspiran a imaxe do festival. Os Desbordamentos, con experiencias performativas e de cinema en vivo, repiten como un dos atractivos da programación. Neste sentido, a deputada agradeceu á organización da mostra o traballo "nun festival que cada ano medra, que sempre atopa algo novo, un motivo, un punto, unha realidade diferente: un lugar por onde medrar" así como por "darlle voz a cada vez máis talento galego que tamén ve neste formato ese xeito de deixar a súa pegada para sempre". Avia Veira rematou cun novo "grazas" á organización por "proxectardes cinema periférico desde o centro do mundo; desde A Coruña. Porque a centralidade e a periferia son só cuestións de perspectiva".