Estás en:Emprego

A Deputación e a Cámara de Comercio de Santiago elaboran un plan conxunto para promover o emprendemento en 32 concellos da comarca

O acordo conta con tres eixos principais: accións en centros educativos, asesoramento a persoas emprendedoras e un servizo de apoio para captar financiamento

A iniciativa ten un marcado carácter supramunicipal e poderán acollerse a ela empresas e persoas autónomas de 32 concellos da comarca

A Deputación e a Cámara de Comercio de Santiago elaboran un plan conxunto para promover o emprendemento en 32 concellos da comarca

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a presidenta da Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela, María Pais, asinaron na sede do organismo provincial, un convenio de colaboración para o financiamento do proxecto "Fomento do emprendemento e a actividade empresarial da provincia", no marco do Plan de Emprego Local (PEL). No acto participou tamén a deputada de Industria e Emprego, Rosa Ana García.

A iniciativa supón un investimento de 69.375 euros, dos que a Deputación achegará o 80% (55.500 euros) e pretende apoiar a posta en marcha de novos negocios na comarca de Santiago para crear emprego de calidade, xerar riqueza e lograr un maior desenvolvemento socioeconómico que reverta en toda a provincia. Deste xeito, ten como fin contribuír á creación e consolidación de empresas, fomentar o autoemprego e proporcionar axuda para que mozos e mozas, sobre todo do rural, poidan desenvolverse na súa terra.

"Esta alianza coa Cámara de Comercio de Santiago supón un paso máis na aposta da Deputación pola creación de emprego e o apoio ao empredemento, que se desenvolverá en tres ámbitos: o primeiro comprenderá accións dirixidas aos centros de ensino secundario, bacharelato e formación profesional para que a mocidade vexa o emprendemento como unha vía con posibilidades para o seu futuro; o segundo vai dirixido ás persoas emprendedoras, ás que se lle ofrecerá asesoramento nos seus proxectos para que se consoliden e expandan do mellor xeito posible; e o terceiro e último consistirá nun servizo de apoio para que esas pequenas empresas logren acceder a diversas liñas de financiamento", explicou Valentín González Formoso, que destacou a importancia de contar nesta misión co "coñecemento e experiencia da Cámara de Comercio de Santiago".

Neste sentido, a presidenta da Cámara, María Pais, destacou o compromiso da Cámara "co fortalecemento do tecido empresarial e a promoción do crecemento empresarial e o emprego da demarcación cameral, traballando en estreita colaboración cos axentes clave do territorio, como é a Deputación, polo que agradeceu o compromiso compartido para lograr un desenvolvemento socioeconómico sostible e equitativo"

Ademais, este proxecto fomentará a coordinación e a creación de sinerxías entre entidades públicas e privadas, o que redundará nunha maior porcentaxe de éxito das iniciativas que se sumen a el.

Cabe destacar tamén o marcado carácter supramunicipal deste convenio, pois o seu ámbito de actuación esténdese a 32 concellos (A Baña, Ames, Arzúa, Boimorto, Boiro, Boqueixón, Brión, Carnota, Dodro, Lousame, Mazaricos, Melide, Muros, Negreira, Noia, O Pino, Outes, Padrón, Porto do Son, A Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribeira, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Santiso, Sobrado, Teo, Touro, Toques, Vedra e Vilasantar).

Por último, tanto a Deputación como a Cámara de Comercio insisten en que a importancia de accións coma esta radica na capacidade de crear e consolidar empresas como unha das formas máis eficaces de loitar contra o desemprego.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X