Comeza o proceso de adquisición de fincas para o Parque do Megalitismo da Costa da Morte
A Casa da Cultura de Vimianzo acolleu unha xuntanza de representantes da Deputación e dos concellos implicados para abordar os seguintes pasos, que pasarán pola adquisición de fincas por parte dos concellos
O deputado de patrimonio, Xosé Penas, trasladou aos concellos a "importancia" de "ser rigorosos cos prazos, os tempos e as datas para que non se produzan máis demoras tanto na adquisición de fincas como nos procesos posteriores"

A Casa da Cultura de Vimianzo acolleu unha xuntanza da Deputación e algúns dos concellos que forman parte do Parque de Megalitismo da Costa da Morte. O deputado de patrimonio, Xosé Penas; o xefe de arquitectura da Deputación, Daniel Beiras e o xefe de departamento de patrimonio, Fernando Pérez San Vicente, reuníronse cos alcaldes, alcaldesas e persoal técnico dos concellos implicados.
O próximo paso é a adquisición de fincas – nos casos nos que sexa preciso – que deben executar os concellos seguindo as indicacións da Deputación, que xa elaborou os estudos previos pertinentes. Neste sentido, o deputado, Xosé Penas, trasladou aos concellos a "importancia" de "ser rigorosos cos prazos, os tempos e as datas para que non se produzan máis demoras tanto na adquisición de fincas como nos procesos posteriores".
Dende a Deputación tamén trasladaron a inminente creación dunha páxina web sobre o Parque de Megalitismo, que albergará información sobre todos os elementos patrimoniais, roteiros, e recursos turísticos e culturais de todos os concellos integrados, así como das redes sociais propias que difundan toda a información relativa ao proxecto e aos municipios. Neste sentido, o deputado sinalou o "necesario traballo conxunto" de concellos, Deputación, e a empresa encargada de xestionar as redes sociais, "para poder optimizar a súa utilización e ofrecer información de interese para a cidadanía, dun xeito ordenado, atractivo e divulgativo" posto que, tal e como sinalou "as redes sociais .
Outro dos puntos tratados é a sinalización de todos os bens do Parque do Megalitismo, seguindo unha mesma imaxe corporativa que xa está definida. Deste xeito "contaremos cunha rede de elementos patrimoniais sinalizada dun xeito uniforme que permita identificar visualmente todos os que forman parte do Parque do Megalitismo".
Ademais, abordáronse posibles persoas para integrar o comité científico de patrimonio que se encargará de valorar as novas incorporacións; avaliar as actuacións e actividades, e asesorar en materia de definición de accións. Profesionais das diferentes administracións (concellos, Deputación e Xunta), así como das universidades, e profesionais do patrimonio conformarán o equipo.