Estás en:Emprego

A Deputación colabora con ‘Amigos de la Ópera de A Coruña’ na celebración da súa 73 Tempada lírica

O Teatro Colón acolleu esta maña a presentación da programación da LXXIII Temporada Lírica de Amigos de la Ópera de A Coruña, que celebra nesta edición o 150 aniversario da estrea de Carmen

A deputada provincial, Avia Veira sinalou que para a Deputación é "un pracer" colaborar con esta iniciativa, "que nos permite facer realidade esa nosa premisa de facer da cultura un dereito"

A Deputación colabora con ‘Amigos de la Ópera de A Coruña’ na celebración da súa 73 Tempada lírica

A Asociación Amigos de la Ópera de A Coruña presentou esta mañá a LXXIII Temporada Lírica, que celebra nesta edición o 150 aniversario da estrea de "Carmen" cunha produción firmada por Calixto Bieito que se verá no Palacio da Ópera os días 5 e 7 de setembro. Comeza así unha programación que se prolongará ata o 5 de decembro coa estrea na cidade herculina de Pelléas et Mélisande, de Debussy.

A deputada Avia Veira sinalou que para a Deputación é "un pracer" colaborar con esta iniciativa, "que nos permite facer realidade esa nosa premisa de facer da cultura un dereito". Veira puxo en valor a programación, "á que, grazas ao noso apoio, poderá acceder xente a pezas exquisitas que doutro xeito non podería". Neste sentido, sinalou que "esta colaboración é fundamental para nós, e permite democratizar o acceso á lírica e á ópera, e tamén vai enmarcado no noso apoio a Orquestra Sinfónica de Galicia, un faro cultural do país".

"Sempre estivemos, estamos e estaremos con vos nuns momentos nos que a cultura é fundamental, xa que nos fai máis humanos, permítenos apartarnos do ruído e nos transforma individual e colectivamente", engadiu a deputada.

Un total de 14 actividades entre concertos, conferencias, cursos, proxeccións conforman o programa da Tempada Lírica 2025, que se desenvolverá nos meses de setembro, outubro, novembro e decembro en diferentes espazos da cidade como o Teatro Colón; Afundación; o Palacio da Ópera; o Museo de Belas Artes ou a Filmoteca de Galicia, entre outros.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X