Estás en:Emprego

Regueira participa na presentación da nova web turística da Costa da Morte da CMAT e APTCM

O Parador da Costa da Morte acolleu esta mañá o acto no que tamén se presentou a dixitalización e tradución do emblemático libro de Xan Fernández Carrera, "A Costa da Morte, Confín de Europa", así como a publicación da nova Guía de Artesanía na Costa da Morte

O vicepresidente sinalou que o turismo "é unha actividade económica que xera oportunidades para a poboación residente", e a artesanía "é un valor propio do turismo, que nos permite trasladar a nosa tradición, patrimonio, cultura e identidade. Pero, ademais contribúe á dinamización socioeconómica dos territorios e tamén á fixación de poboación"

Regueira participa na presentación da nova web turística da Costa da Morte da CMAT e APTCM

A Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) e a Asociación Profesional do sector Turístico da Costa da Morte (APTCM) presentaron esta mañá no Parador da Costa da Morte a nova web oficial do destino. Un acto no que participou o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, e onde tamén se presentou a dixitalización e tradución do emblemático libro de Xan Fernández Carrera, "A Costa da Morte, Confín de Europa", así como a publicación da nova Guía de Artesanía na Costa da Morte.

Regueira puxo en valor o traballo de ambas entidades na promoción turística do destino, "promovendo sempre novas iniciativas que son un gran exemplo de sustentabilidade e innovación" Neste sentido, o vicepresidente tamén salientou a colaboración público - privada, e o "esforzo conxunto" de todas as administracións "concellos, Deputación e Turismo de Galicia", que "sempre trae bos resultados e boas novas, e o que hoxe se presenta é boa mostra diso".

"O turismo é unha actividade económica que xera oportunidades para a poboación residente", apuntou Regueira, "e a artesanía é un valor propio do turismo, que nos permite trasladar o noso relato como país: a nosa tradición, patrimonio, cultura e identidade". "Pero non so iso, senón que ademais contribúe á dinamización socioeconómica dos territorios e tamén á fixación de poboación, polo que debemos apostar polo seu presente e futuro".

Máis de 60 asistentes participaron neste evento, entre eles, representantes institucionais de todos os concellos socios, e tamén do ámbito turístico e cultural. O vicepresidente estivo acompañado do presidente da CMAT e alcalde de Zas, Manuel Muíño; a vicepresidenta da CMAT, María Lema; o presidente de APTCM, Pepe Formoso e o director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Merelles.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X