A Deputación e os concellos de Brión e Ames organizan os días 13 e 14 de xuño unha nova edición de ‘Altamira Brilla’
A institución provincial impulsa un evento histórico e participativo con concertos, ruta guiada e representación teatral
Serán dúas xornadas de actividades culturais, musicais e teatrais para conmemorar o 554 aniversario da Batalla de Altamira

A Deputación da Coruña, en colaboración cos concellos de Brión e Ames, organiza os días 13 e 14 de xuño unha nova edición de Altamira Brilla, un evento cultural que conmemora o 554 aniversario da histórica Batalla de Altamira. Esta celebración, que se consolida como un referente do calendario cultural e patrimonial da comarca, ofrecerá dúas xornadas cheas de actividades que mesturan música, teatro e memoria histórica.
O venres 13 de xuño dará comezo a programación cunha tarde de música tradicional galega. Ás 20:00 h terá lugar a actuación do grupo de pandeireteiras da Costaneira de Ames, seguida ás 20:30 h polo grupo da Escola Municipal de Pandeireta de Brión. A xornada culminará ás 21:00 h co concerto do grupo Carmela, nun ambiente festivo que servirá de preludio perfecto para as actividades do día seguinte.
O sábado 14 de xuño será a quenda da recreación histórica. A partir das 16:30 h, iniciarase unha ruta teatralizada polos principais escenarios da Batalla de Altamira. Haberá saídas en autocar desde a carballeira de Santa Minia (Brión) ás 16:30 h e desde o Pazo da Peregrina (Ames) ás 16:45 h. A ruta comezará oficialmente ás 17:00 h en Augapesada e discorrerá por lugares emblemáticos como Ponte Maceira, Trasmonte e As Torres. O percorrido combinará tramos a pé e en autocar, e rematará ás 20:00 h nas Torres.
Ás 20:30 h, terá lugar a presentación e contextualización histórica da batalla, paso previo á representación teatral da mesma, que comezará ás 21:00 h da man da recoñecida compañía Os Quinquilláns. O regreso en autocar aos puntos de partida está previsto para as 22:00 h. Para participar na ruta e na representación, será necesario reservar entrada previamente no correo rutabatallaaltamira@gmail.com.
As persoas que desexen asistir unicamente á representación teatral tamén poderán facelo, reservando a súa entrada de forma independente no correo billeteria@concellodebrion.gal.