A Deputación da Coruña impulsa o I Torneo Internacional Feminino Squash Cidade de Santiago
O deputado de Deportes, Antonio Leira, salientou que "eventos como este son o mellor exemplo da nosa aposta decidida polo deporte feminino e pola igualdade real nos espazos deportivos",

A Deputación da Coruña apoia o I Torneo Internacional Feminino de Squash Cidade de Santiago, que se celebra desde hoxe ata ao 14 de xuño no Centro Comercial As Cancelas. O evento, que forma parte do circuíto profesional PSA na súa categoría Cobre, reúne 24 xogadoras procedentes de 12 países, todas elas entre as 100 mellores do ranking mundial, nunha cita que sitúa a Santiago como referente do squash feminino a nivel internacional.
A través desta colaboración, a Deputación súmase á organización impulsada pola Asociación Deportiva Squash Santiago, Golán Squash Academy e o propio centro comercial, coa colaboración tamén da Xunta de Galicia e do Concello de Santiago. Con esta alianza institucional, o torneo busca consolidarse como unha cita estable no calendario deportivo galego, cunha clara aposta pola visibilidade e a profesionalización do deporte feminino.
O deputado de Deportes, Antonio Leira, salientou que "eventos como este son o mellor exemplo a nosa aposta decidida polo deporte feminino e pola igualdade real nos espazos deportivos. A Deputación colabora activamente con este torneo porque representa á perfección os valores que queremos promover". Para Leira, a celebración deste torneo internacional "contribúe a consolidar Galicia como un referente do deporte en clave feminina e como un destino de grandes citas deportivas que combinan competición e divulgación".
A chegada deste torneo coincide ademais cun momento clave para o futuro do squash, que vén de ser incluído como disciplina olímpica para os Xogos de Los Ángeles 2028. Nese sentido, Leira destacou que "este tipo de eventos son fundamentais para fortalecer a base do squash, fomentar novas vocacións e facilitar o acceso das deportistas españolas ao máis alto nivel competitivo".
O torneo inclúe, ademais da competición profesional, actividades paralelas como exhibicións, obradoiros con escolares e charlas motivacionais, co obxectivo de achegar o squash á cidadanía e xerar referentes deportivos para as xeracións máis novas.