Estás en:Emprego

Marián, Belem Tajes e Vimbio, finalistas do Concurso Fran Pérez “Narf" de música

A final terá lugar no seo dunha gala no Salón Teatro de Santiago de Compostela o vindeiro 2 de novembro

Os grupos elixidos son boa mostra da calidade e diversidade que poboa hoxe en día a música galega

Marián, Belem Tajes e Vimbio, finalistas do Concurso Fran Pérez “Narf

O xurado do Concurso Fran Pérez "Narf" para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña deliberou e fixo público as tres bandas finalistas: Marián, Belem Tajes e Vimbio. A proposta gañadora será elixida durante unha gala final que terá lugar no Salón Teatro de Santiago de Compostela o domingo 2 de novembro.

Formou parte do xurado como presidenta Natividade González, deputada de Cultura; ademais dos músicos Ugia Pedreira (tamén ex directora da Central Folque) e Alberto Busto (Arrythmia, que tademais conta cunha canle de Twitch sobre música en galego), o xornalista e músico Daniel Salgado, o programador da Mardi Gras Tomi Legido, e a produtora e xestora cultural, Noa Díaz. Como secretaria actuou Manuela Muñiz Souto, xefa de sección de Cultura e Deporte.

O Concurso Fran Pérez "Narf" de música ten o obxectivo de difundir, apoiar e promocionar os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a o obra do músico e compositor Fran Pérez "Narf". Algunhas das bandas gañadoras deste premio son Caldo, Mounqup, Bala ou Familia Caamagno, entre outros.

Finalistas
MARIÁN: Cantante e compositora que está a piques de publicar o seu álbum debut, no que conta coa colaboración de Guadi Galego. Seleccionada na última edición da da aceleradora #SonEmerxente promovida por AGADIC, o xurado destacou dela "a súa calidade vocal, así como os arranxos e a produción".

BELEM TAJES: Cantante e compositora, foi parte de bandas como Vudú, Aliboria ou Luar na Lubre. En novembro de 2024 publicou o seu primeiro álbum de longa duración, Amar o mar, un traballo que mestura música tradicional galega e latinoamericana con toques de pop e electrónica. O xurado salientou dela "as letras moi coidadas e unha aposta singular e con personalidade na instrumentación".

VIMBIO: Liderados por Álex Arnoso (antes SonDaRúa), esta nova banda xorde para conxugar o rap coa esencia do metal da década dos 90 e dos 2000. Baixo un gran eclecticismo musical, o grupo propón letras e ritmos moi contundentes, combinando os flows tan característicos de Álex coa potencia dunha banda composta por grandes veteranos da escena metal galega. Deles o xurado destacou "o envoltorio de épocas diferentes de poética galega nunha banda de guitarras, máis contundente".

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X