A deputada de igualdade visita en Ames a AFA Barouta
Soledad Agra, que estivo acompañada da deputada de cultura, Natividade González, coñeceu de primeira man o proxecto 'O corpo fala en igualdade', que conta co apoio da Deputación da Coruña
"A liña de subvencións para proxectos en igualdade apoia o financiamento de proxectos como este que a AFA de Barouta desenvolve para todos os cursos escolares. A colaboración de todos os axentes implicados na educación (profesorado, familias e alumnado) é fundamental para criar en valores fundamentais como o da igualdade de xénero" sinalou a deputada

As deputadas de igualdade, Soledad Agra, e de cultura, Natividade González, visitaron en Ames a Asociación de Familias de Alumnado do Ceip de Barouta, e coñeceron de primeira man o proxecto 'O corpo en fala en igualdade', nunha xuntanza na que participaron a presidenta da AFA, Belén Domínguez e varias participantes, das familias e do profesorado, na comisión de igualdade do centro.
Este proxecto, que conta co apoio da área de igualdade da Deputación, inclúe a creación dun espazo para a expresión libre; a celebración de obradoiros de teatro, canto, danza ou teatro radiofónico; encontros interxeracionais; obradoiro de escrita creativa para as crianzas e as familias; encontros con mulleres pioneiras, e sesións formativas de teatro foro para o profesorado, alumnado e familias.
A deputada de igualdade puxo en valor o proxecto educativo do centro, "que permite a participación activa das familias nos procesos educativos, e son exemplo de traballo transversal en igualdade e na promoción da lingua galega, en todas as súas actividades e proxecto".
"Para nós é un orgullo", salientou a deputada, "apoiar iniciativas como esta que desenvolven, cunha perspectiva feminista, actuacións en todas as etapas educativas, implicando a todos os axentes: profesorado, familias e, por suposto crianzas e impulsando, ao mesmo tempo, o uso da nosa lingua". "Porque a igualdade debe ser transversal, estar en todas as etapas e en todos os espazos que habitamos e, cando entendemos isto, estamos dando un paso adiante fundamental para un mundo máis xusto e feminista", engadiu Soledad Agra.