Estás en:Emprego

A Deputación da Coruña leva a Sada os obradoiros inmersivos sobre o mar con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente

A deputada de Medio Ambiente, Rosa Ana García, asistiu hoxe ao obradoiro "Mergullando dende a clase" no colexio Pedro Barrié de la Maza

A Deputación da Coruña leva a Sada os obradoiros inmersivos sobre o mar con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente

A deputada provincial de Medio Ambiente, Rosa Ana García, participou hoxe no CEIP Pedro Barrié de la Maza de Sada na inauguración do obradoiro "Mergullando dende a clase", unha actividade educativa impulsada pola Deputación da Coruña que permite ao alumnado de primaria descubrir a biodiversidade mariña galega sen saír da aula.

O obradoiro forma parte dunha programación especial con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente (5 de xuño) e o Día dos Océanos (8 de xuño) e chegará a máis de 400 nenos e nenas de 10 centros escolares da provincia situados en concellos de menos de 20.000 habitantes. A través de tecnoloxía inmersiva, vídeos submarinos, dinámicas participativas e unha experiencia de realidade virtual en 360º, o alumnado aprende a coñecer, valorar e coidar o ecosistema mariño galego.

Durante a súa visita, Rosa Ana García destacou a importancia de levar este tipo de actividades ás escolas: "Queremos que o mar, un recurso fundamental para Galicia, entre nas aulas e se converta nunha ferramenta educativa que esperte vocacións, conciencia ambiental e respecto polo medio desde as idades máis temperás".

A deputada explicou tamén que esta iniciativa pretende "facer visible a riqueza natural das nosas costas, porque o mar forma parte da identidade colectiva de Galicia e o seu coidado é responsabilidade de todas e todos".

O obradoiro, que ten unha duración de dúas horas e media, combina unha primeira parte centrada na observación do ecosistema mariño galego mediante materiais audiovisuais e xogos, cunha segunda parte máis experimental que inclúe unha inmersión virtual e o taller "Detectives das Mareas", no que o alumnado interpreta os restos naturais que chegan ás praias.

Cada participante recibe ademais unha bolsa con materiais educativos e útiles (gorra, bolígrafo, libreta e bidón de auga), e o centro escolar recibe un exemplar do libro Alén do Azul, elaborado pola Deputación da Coruña como ferramenta didáctica para seguir traballando sobre o mar desde diferentes materias.

A actividade forma parte do compromiso da área de Medio Ambiente da Deputación coa educación ambiental e a concienciación sobre os retos ecolóxicos actuais, e enmárcase dentro das accións conmemorativas do Día Mundial do Medio Ambiente, que este ano estivo dedicado a combater a contaminación por plásticos, un dos grandes desafíos ambientais do noso tempo.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X