Estás en:Emprego

A Deputación da Coruña impulsa a conservación dos morcegos cunha nova rede de caixas refuxio no Pazo de Mariñán

A deputada de Medio Ambiente, Rosa Ana García, participou na instalación dos refuxios nos xardíns do pazo

A Deputación da Coruña impulsa a conservación dos morcegos cunha nova rede de caixas refuxio no Pazo de Mariñán

A deputada de Medio Ambiente, Rosa Ana García, participou esta mañá nos xardíns do Pazo de Mariñán, en Bergondo, na instalación dunha rede de 35 caixas refuxio para morcegos, unha iniciativa pioneira na provincia impulsada pola área de Medio Ambiente da Deputación da Coruña en colaboración coa asociación Morcegos de Galicia.

A nova rede está composta por 35 caixas refuxio de serraduras-cemento da marca Schwegler, un material de alta durabilidade fronte ás inclemencias do tempo, que permite crear un hábitat seguro e estable para diversas especies de morcegos forestais. Instalaranse seis modelos distintos para adaptarse á diversidade biolóxica da contorna, favorecendo a protección e estudo das diferentes especies, incluídas aquelas migradoras ou ameazadas.

"Con esta iniciativa estamos poñendo en valor a riqueza natural dos xardíns do Pazo de Mariñán e apostando pola conservación activa dunha das faunas máis descoñecidas pero fundamentais para o equilibrio ecolóxico: os morcegos", explicou a deputada Rosa Ana García, quen tamén destacou o papel destes animais no control natural de pragas agrícolas e como bioindicadores da saúde dos ecosistemas.

En Galicia existen unhas 25 especies de morcegos, das que polo menos 11 están ameazadas, segundo os datos recollidos por Morcegos de Galicia. Estes mamíferos nocturnos son fundamentais para o control biolóxico de insectos e a boa saúde dos ecosistemas, pero sofren a perda de hábitats e a falta de refuxios en contornas cada vez máis urbanizadas ou intensamente humanizadas.

O Pazo de Mariñán reúne condicións excepcionais para acoller unha rede destas características: está rodeado de árbores de gran porte, é un recinto pechado que garante a protección das caixas fronte ao vandalismo, e atópase nunha zona de alto interese ecolóxico, preto da marisma do Mandeo e da ría de Betanzos, hábitats clave para especies como o Pipistrellus nathusii, morcego migrador de escasa presenza en Galicia.

"Este é un proxecto con vocación científica, educativa e ambiental. Permitirá obter datos moi valiosos para o estudo e conservación dos morcegos en Galicia, pero tamén pode ser a base para futuras actividades de divulgación e participación cidadá, como as noites de observación ou os programas de ciencia cidadá", sinalou a deputada.

A rede será xestionada e monitorizada por Morcegos de Galicia, entidade con ampla experiencia neste tipo de proxectos, e contará cun plan de seguimento que permitirá avaliar o grao de ocupación das caixas e realizar mostraxes acústicas para identificar as especies presentes.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X