O vicepresidente, Xosé Regueira, inaugura o V Congreso internacional de socioloxía e antropoloxía do turismo
A Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da UDC acolle dende hoxe e ata o 13 de xuño este congreso organizado polas facultades de Socioloxía e Turismo da UDC baixo o nome "Conectando comunidades, culturas e destinos"
A Deputación e a Fundación Universidade da Coruña asinaron un convenio de colaboración mediante o que a entidade provincial achega un importe de 48.000€ para a celebración deste congreso

Esta tarde inaugurouse, na Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da UDC, o V Congreso internacional de socioloxía e antropoloxía do turismo (SocAnTur), que se celebra os días 11, 12 e 13 de xuño. Organizado polas facultades de Socioloxía e Turismo da UDC baixo o nome "Conectando comunidades, culturas e destinos", este evento conta coa colaboración da Deputación a través dun convenio asinado coa Fundación Universidade da Coruña mediante o que a entidade provincial achega un importe de 48.000€ para a súa celebración.
Á inauguración asistiu o vicepresidente, Xosé Regueira, xunto ao reitor da UDC, Ricardo Cao; a secretaria do congreso, María Andrade; o concelleiro de turismo da Coruña, Gonzalo Castro, e a directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita.
Regueira destacou, en primeiro lugar, a "importancia" do turismo, que "é sinónimo de economía, cultura e comunidade e que, nesta provincia, representa algo máis do 12% do PIB". O vicepresidente fixo tamén referencia a retos "como a turistificación ou a súa rendibilidade para a poboación residente", que "debemos abordar dende as administracións". "Cada vez hai máis turistas que nos visitan pola nosa gastronomía e paisaxe", engadiu Regueira, "pero tamén polo noso patrimonio inmaterial como a cultura ou a lingua".
O vicepresidente tamén puxo en valor o papel da Universidade "que nos axuda a xestionar turismo" e que "organiza un encontro como este, con voces diversas para buscar solucións, poñendo o coñecemento ao servizo da sociedade e contribúe a entender o turismo dende o punto de vista máis sostible e xusto". Ademais, sinalou que "todos xuntos – administracións, sector e sociedade – podemos facer do turismo unha ferramenta fundamental para o ben común, o benestar das persoas e o avance como sociedade. Temos o talento, os produtos e as ganas de facer as cousas ben en turismo. E este congreso é o lugar perfecto para compartir ideas, aprender e dar pasos cara un turismo que respecte o noso territorio, o noso modo de vida, a nosa identidade e, por suposto, a nosa xente".
SOCANTUR constitúe un espazo de encontro para expertos en Socioloxía, Antropoloxía e profesionais doutras disciplinas sociais que traballan nos ámbitos académico, institucional, empresarial ou da sociedade civil organizada. O seu obxectivo principal é a xeración de sinerxías e a consolidación dun pensamento crítico e creativo sobre o turismo. Tras o seu paso por Granada (2016), Alacante (2018), La Laguna (2021) e Barcelona (2023), esta quinta edición afonda na análise interdisciplinaria dos impactos socioculturais, políticos e económicos do sector.
O congreso terá tamén un enfoque especial nos retos globais actuais como a transición ecolóxica, a soberanía alimentaria, a descarbonización da economía e as desigualdades sociais e de xénero, co propósito de fomentar modelos de xestión turística responsables e sostibles.