Igualdade da Deputación colabora co centro "O Mencer" no apoio a mulleres vítimas da explotación sexual de Ferrolterra
A deputada provincial de igualdade, Soledad Agra, visitou o centro, acompañada da deputada Cristina García Rey, e coñeceron de primeira man a realidade das mulleres en situación de prostitución das comarcas de Ferrol e Eume
"A explotación sexual é a maior das discriminacións que sofren as mulleres, e nós seremos sempre unha administración aliada que apoia o labor deste centro coas mulleres vítimas" sinalou

O centro "O Mencer" que xestiona a orde das Oblatas co obxectivo de apoiar as mulleres vítimas da explotación sexual recibiu a visita da deputada de Igualdade, Soledad Agra, acompañada da deputada provincial Cristina García Rey. Unha visita que se enmarca no apoio da Deputación a esta entidade, a través da liña de subvencións a políticas de igualdade. Ademais, tamén aproveitaron para visitar a exposición fotográfica "Punto e seguimos. A vida pode máis" que ten como obxectivo sensibilizar sobre a realidade da trata de persoas.
A deputada puxo en valor o traballo da entidade na loita contra a explotación sexual, "a maior das discriminacións que sufrimos as mulleres", e sinalou que "nós somos e seremos sempre unha administración aliada, apoiando o labor deste centro coas mulleres vítimas, e tamén de outras moitas iniciativas que combaten cada día as tantas situacións de vulnerabilidade que atravesan as mulleres so polo feito de selo". Pola súa banda, dende a entidade agradeceron o apoio continuado da entidade provincial, sinalando ademais que "todas as dotacións técnicas coas que contamos son grazas ás axudas da Deputación".
Na súa visita, Soledad Agra coñeceu de primeira man a actividade das Oblatas no centro de Día "O Mencer" que traballa co obxectivo de favorecer o desenvolvemento integral e a autonomía das mulleres que están en situación de prostitución ou son vítimas da trata. A deputada destacou non só o labor de apoio que exercen ás mulleres, senón tamén "a sensibilización social e denuncia para combater estas situacións tan inxustas e insoportábeis que aínda hoxe continúan existindo".
"Dende a área de igualdade da Deputación, unha das nosas principais liñas de traballo é o apoio a entidades como esta, que traballan dende o local en cuestións tan relevantes como o amparo e apoio a mulleres en diferentes situacións de risco e vulnerabilidade e que, con moi poucos recursos, combaten a desigualdade e fan un labor esencial para a nosa sociedade, así que non podo estar máis que agradecida e poñerme á súa disposición para continuar colaborando en aquelas iniciativas que persigan este fin".