A firma de moda D-due gaña o I Premio Luís Seoane de deseño
Do proxecto que dirixen Charo Froján e Alfredo Olmedo, o xurado valorou a súa capacidade para "potenciar o deseño dunha maneira radical, en vínculo co territorio, os procesos artesanais e o contexto local, e a súa aposta por traballar no global desde o próximo, cunha proxección internacional desde o rural, en coincidencia coa maneira de entender o deseño que tiña Luís Seoane"

A firma de moda D-due, de Rianxo, é a gañadora do I Premio Luís Seoane de deseño, convocado polo departamento de Cultura da Deputación da Coruña.
Xurado
O proxecto que dirixen Charon Froján e Alfredo Olmedo foi escollido por maioría, entre as dez candidaturas presentadas, por un xurado que presidiu a deputada de Cultura, Natividade González, formado pola vicedecana da Facultade de Deseño da UVIGO, Cristina Varela; a deseñadora gráfica e presidenta da DAG, Raquel Boo; o deseñador dixital Óscar Otero; a profesora do Master de Deseño de moda da UVIGO, Dolores Dopico, e o profesor e crítico de arte Carlos Bernárdez. Como secretaria actuou Manuela Lorenzo Rodríguez, xefa de sección de cultura da Deputación.
Motivación do xurado
Do traballo de D-due, o xurado valorou a súa capacidade para "potenciar o deseño dunha maneira radical, en vínculo co territorio, os procesos artesanais e o contexto local, e a súa aposta por traballar no global desde o próximo, cunha proxección internacional desde o rural, en coincidencia coa maneira de entender o deseño que tiña Luís Seoane".
Natividade González deulle os parabéns á firma e salientou que "a súa capacidade para integrar a artesanía téxtil e a tradición galega cunha visión contemporánea e internacional é un exemplo do que pretendemos fomentar con este premio". "D-due", engadiu, "non só representa a excelencia no deseño, senón tamén a capacidade de proxectar a nosa identidade e a nosa creatividade máis aló das nosas fronteiras".
A firma
A fidelidade ao legado herdado, ao valor do traballo cun enfoque ante todo artesanal, que se plasma en telas ilustradas a man e series personalizadas, son algúns dos sinais de identidade de D-due, que leva mostrando as súas creacións durante máis de vinte anos por todo o mundo: nas semanas da moda de París, Milán, Madrid, Barcelona, Berlín ou Toquio, entre outras citas nas que estivo presente temporada tras temporada.
Esa dimensión internacional non sen entende, en palabras de Froján e Olmedo, "se non mirásemos ás nosas orixes, porque é precisamente no local, na conexión coa identidade, a paisaxe e a cultura de Galicia, onde se asenta a nosa linguaxe".