A Deputación pecha a súa Festa da Música cun concerto accesible de ‘Carmela’ para persoas xordas no Teatro Colón
Durante a actuación, que terá lugar o 21 de xuño, haberá unha intérprete de lingua de signos sobre o escenario, así como un servizo de mochilas vibratorias que permitirán sentir a música a través de vibracións, e un sistema de conexión directa para persoas con implantes cocleares ou audífonos
Carmela, un proxecto que basea o seu repertorio no canto de tradición oral, presenta o seu proxecto "Vinde todas"
Os convites poden retirarse en ataquilla.com

A área de Cultura da Deputación da Coruña culminará a súa programación especial do Mes da Música cun concerto que aposta pola inclusión e a accesibilidade. O vindeiro 21 de xuño, Carmela subirá ao escenario do Teatro Colón da Coruña para presentar o seu espectáculo "Vinde todas", unha proposta que, ademais da súa potencia artística, marcará un fito na programación cultural da institución provincial ao ofrecer medidas específicas para garantir a participación das persoas xordas.
Durante a actuación, haberá unha intérprete de lingua de signos sobre o escenario que traducirá en tempo real as cancións, facilitando así a comprensión e o goce do espectáculo a persoas usuarias de LSE. Ademais, o concerto contará cun servizo de mochilas vibratorias que permitirán sentir a música a través das vibracións, ofrecendo unha experiencia inmersiva e sensorial. Para aquelas persoas que empregan próteses auditivas, habilitarase un sistema de conexión directa ao son do espectáculo, permitindo a transmisión nítida ao implante coclear ou audífonos.
Peche da Festa da Música
Esta iniciativa supón un paso máis no compromiso da Deputación da Coruña cunha cultura accesible, diversa e aberta a toda a cidadanía, sen excepcións. O concerto de Carmela será o broche de ouro dunha intensa programación que durante todo o mes de xuño levou a música galega en directo a concellos como Vimianzo, Vilasantar, Boiro, Arzúa, Arteixo, Cee, Padrón ou Culleredo cos concertos de As Tareixas, A Banda da Loba e Francisco Castro & A banda dos Borges.
Sobre Carmela
Carmela é un proxecto que basea o seu repertorio no canto de tradición oral, entendéndoo como un construto social vinculado á tradición e, por tanto, á contemporaneidade. Desde un uso responsable e consciente do repertorio, especialmente no que ás informantes como intérpretes e creadoras se refire, cada tema escollido toma como idea principal o significado ou función que este presenta no contexto orixinal, funcionando o aspecto estético-musical non como unha guía, senón como un impulsor.
O resultado é un repertorio con profundas referencias á interpretación tradicional, empregando recursos que van desde a combinación tímbrica ou o emprego de instrumentos electrónicos, co obxectivo de acompañar de maneira coidada e respectuosa cada unha das melodías.
Os convites para asistir ao espectáculo xa están dispoñibles na plataforma ataquilla.com ou a través deste enlace.