Estás en:Emprego

A Deputación celebra o 18 de xuño en Cedeira un obradoiro para a creación de experiencias turísticas no Xeoparque Cabo Ortegal

A acción enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística en Destino do Xeoparque Cabo Ortegal, Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea con fondos NextGenerationEU

O obradoiro, destinado a todas as empresas e axentes turísticos do Xeoparque Cabo Ortegal, terá lugar no Pavillón de Deportes de Cedeira

A Deputación celebra o 18 de xuño en Cedeira un obradoiro para a creación de experiencias turísticas no Xeoparque Cabo Ortegal

A Deputación de Coruña realizará o vindeiro 18 de xuño no Pavillón de Deportes de Cedeira un obradoiro para a creación de experiencias turísticas ao que están convocadas todas as empresas e axentes turísticos do Xeoparque Cabo Ortegal. Esta actividade forma parte do Plan de Sostibilidade Turística en Destino do Xeoparque Cabo Ortegal.

O obxectivo desta xornada é mellorar as habilidades e coñecementos de ditas empresas para crear experiencias turísticas atractivas e innovadoras que contribúan, por un lado, a desestacionalizar a oferta e incrementar a pernocta e o gasto no territorio e, por outro lado, a visibilizar as potencialidades e atributos do territorio artellando unha oferta de experiencias que permita disfrutar da gastronomía, os recursos culturais, a paisaxe ou as actividades ao aire libre nun espazo recoñecido pola UNESCO e único en Galicia.

O obradoiro comezará o 18 de xuño ás 09.00 h, terá 10 horas de duración e estará orientado a traballar e profundizar no concepto de experiencia turística e os seus compoñentes, inspirarase en casos de éxito doutros xeoparques, promovendo a xeración colaborativa de propostas de experiencias, así como a aplicación de técnicas creativas e de marketing para comercializar ditas propostas.

As empresas participantes nesta acción verán incluídas a súa oferta de produtos e servizos nun catálogo de experiencias do Xeoparque Cabo Ortegal que se divulgará a operadores e prescriptores do destino e estarán dispoñible nas canles de promoción online do Xeoparque. Ademais, terán prioridade para participar nas accións de networking previstas para o vindeiro outono nos Xeoparques de Villuercas (Extremadura) e de Arouca (Portugal).

O Vicepresidente da Deputación de Coruña, Xosé Regueira, anima a todos os axentes turísticos do Xeoparque Cabo Ortegal a que aproveiten as accións contempladas neste plan financiado con fondos NextGenerationEu para convertir o territorio nun destino competitivo e cunha oferta consolidada. Neste sentido, calquera empresa ou axente que queira dispoñer de información sobre dita actuación pode facelo escribindo un correo a turismo@dacoruna.gal.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X