Estás en:Emprego

O presidente da Deputación da Coruña e o fiscal xeral do Estado clausuran no Pazo de Mariñán a Escola de Verán do Ministerio Fiscal

O presidente da Deputación da Coruña e o fiscal xeral do Estado clausuran no Pazo de Mariñán a Escola de Verán do Ministerio Fiscal

Formoso, Ortiz e Suanzes nos xardíns de Mariñán

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz; e o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, participaron hoxe no acto de clausura da Escola de Verán do Ministerio Fiscal, que se celebrou esta semana no Pazo de Mariñán.

O encontro reuniu a decenas de fiscais procedentes de distintos puntos do Estado, que durante varios días participaron en sesións de formación e reflexión arredor do papel do tribunal do xurado no sistema xudicial español, coincidindo co 30 aniversario da aprobación da Lei Orgánica do Tribunal do Xurado.

Durante a súa intervención, o presidente da Deputación destacou "a importancia de abrir espazos para a formación e o intercambio de coñecementos entre profesionais da Xustiza" e agradeceu a elección do Pazo de Mariñán como sede destes encontros, "un espazo para a reflexión en calma en tempos de crispación".

A Escola de Verán, organizada pola Fiscalía Xeral do Estado en colaboración coa Fiscalía Superior de Galicia e coa Deputación da Coruña, contou ao longo da semana con relatorios de expertos e expertas do ámbito xurídico e académico, centrados nos avances e retos do tribunal do xurado tras tres décadas de aplicación da norma que regula esta figura de participación cidadá na administración de Xustiza.

O fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, puxo en valor o papel do tribunal do xurado como expresión do compromiso democrático da cidadanía coa Xustiza e sinalou a necesidade de seguir avanzando na súa implantación e no seu perfeccionamento.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X