Estás en:Emprego

A Deputación adxudica as obras de mellora dun tramo de case 3,5 quilómetros na estrada DP 0813 de Sada a Armuño

As obras desenvolveranse mantendo o tráfico rodado na estrada, cortando primeiro unha marxe da vía e posteriormente a outra.

O proxecto, cun investimento de 327.464 euros, ten como obxectivo principal a renovación integral do firme da vía, facéndoa máis segura para as persoas usuarias.

A Deputación adxudica as obras de mellora dun tramo de case 3,5 quilómetros na estrada DP 0813 de Sada a Armuño

A Deputación da Coruña vén de adxudicar as obras de mellora da capa de rodaxe con mestura bituminosa quente (MBQ) na estrada provincial DP-0815 de Sada a Armuño, no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 1+490 e 4+920, nos termos municipais de Sada e Bergondo, cun orzamento final de 327.464,18 euros.

Este proxecto na vía que une Sada con Armuño ten como obxectivo a mellora integral do firme, garantindo unha circulación máis segura e cómoda para os usuarios. A actuación contempla a limpeza das cunetas en ambas marxes, así como a limpeza dos sumidoiros e das conducións de augas pluviais. Inclúese tamén o fresado nas zonas de entronque con outras estradas e accesos a parcelas ou tramos deteriorados, e a regularización puntual do firme mediante o estendido dunha capa de mestura bituminosa quente en zonas afectadas por asentamentos ou blandóns.

A obra completarase co estendido dunha nova capa de rodaxe de 5 cm de espesor da mesma mestura, a execución dun redutor de velocidade tipo "lombo de asno" e a renovación da sinalización. Ademais, procederase ao recrecido das tapas de rexistro e sumidoiros para adaptalos á nova rasante, incluíndo partidas específicas para obras accesorias, imprevistos e a xestión de residuos xerados durante a intervención.

As obras desenvolveranse de xeito que se manteña o tráfico rodado en todo momento, actuando primeiro nunha marxe da vía e logo na outra. O prazo de execución establecido é de tres meses.

Con esta intervención, a Deputación da Coruña continúa a súa aposta pola mellora da rede viaria provincial, coa finalidade de garantir infraestruturas seguras, eficientes e adaptadas ás necesidades da veciñanza.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X