Estás en:Emprego

A deputada de igualdade visita as “Redeiras” de Corme, que contan co apoio da Deputación para o desenvolvemento de actividades de igualdade

A deputada provincial de igualdade, Soledad Agra, ademais da entidade "O Peirao. Redeiras Artesás" tamén aproveitou para visitar en Malpica a "Asociación de Redeiras O Fieital"

Agra puxo en valor o traballo artesán "destas mulleres que coas súas mans tecen redes, tamén simbólicas, e manteñen unha tradición que, ademais de contribuír a unha pesca sustentable, é sinónimo de identidade e de país" sinalou

A deputada de igualdade visita as “Redeiras” de Corme, que contan co apoio da Deputación para o desenvolvemento de actividades de igualdade

A deputada de igualdade, Soledad Agra, visitou en Corme a entidade "O Peirao. Redeiras Artesás", que recibiu unha subvención da Deputación da Coruña para o desenvolvemento de actividades de promoción da igualdade. A deputada aproveitou tamén para coñecer, en Malpica, a "Asociación de Redeiras O Fieital", que desenvolve unha actividade na mesma liña que a cormelá, aínda que con artes diferentes.

Agra coñeceu de primeira man o traballo artesán "destas mulleres que non só tecen redes de pesca, senón tamén simbólicas, pois ademais do seu traballo son exemplo de comunidade e de loita". Ademais, a deputada sinalou que "coas súas mans fan o traballo artesanal que despois permite capturar o peixe; son o sostén de todo un sector como o pesqueiro, mais, sendo unha profesión completamente feminizada, non reciben ese recoñecemento que merecen, como acontece en tantos outros casos".

"Co seu traballo contribúen ao desenvolvemento dunha pesca sustentable e respectuosa co medio pero, ademais, manteñen unha tradición centenaria que é sinónimo de identidade de calquera vila mariñeira e de país", apuntou a deputada. "Dende as administracións públicas debemos poñer en valor esta profesión e dignificala, combatendo as malas condicións laborais e a falta de relevo xeracional porque, ademais, sería un bo xeito de fixar poboación".

A deputada escoitou as demandas en canto a condicións laborais e todas as problemáticas dun colectivo de mulleres "herdeiras dunha tradición viva, que leva séculos mantendo o mar unido á terra" e deulles as grazas "polo voso labor, e por acollernos e abrirnos as portas das vosas casas, dos vosos portos e, sobre todo, do voso saber".

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X