A Deputación adxudica por 376.984 euros as obras de renovación do firme da estrada que une Carballo e Razo
Os traballos estenderanse nun tramo de 6,6 quilómetros da DP-1902
A Deputación da Coruña adxudicou recentemente as obras de mellora integral do firme da estrada provincial DP-1902, vía que conecta os núcleos de Carballo e Razo, cun orzamento final de 376.984,08 euros. Esta actuación forma parte do compromiso da institución provincial coa mellora da seguridade e funcionalidade da rede viaria da provincia.
Os traballos abranguerán un treito de 6,6 quilómetros, comprendido entre os puntos quilométricos 2+450 e 9+000. A intervención consistirá na limpeza de cunetas ao longo do trazado, co obxectivo de mellorar o drenaxe da estrada e evitar o deterioro prematuro. Así mesmo, realizarase o fresado e a reposición puntual do firme nas zonas onde se detectaron afundimentos ou degradacións.
Como parte fundamental da obra, procederase ao estendido dunha capa de mestura bituminosa quente (MBQ) cun espesor de 6 centímetros, que proporcionará unha superficie uniforme, segura e adaptada ao tránsito rodado, especialmente ao tráfico pesado. Tamén se executará o recrecido das tapas de rexistro para adaptalas á nova rasante e evitar desniveis que poidan afectar á condución.
A mellora completarase coa renovación da sinalización horizontal, que permitirá unha correcta delimitación dos carrís e incrementará a seguridade viaria, así como coa substitución ou reposición da barreira de seguridade nas marxes da estrada.
O prazo de execución previsto para estas obras é de cinco meses, contados a partir da sinatura da acta de comprobación do replanteo. A actuación realizarase de xeito coordinado para minimizar as molestias á veciñanza e ao resto das persoas usuarias da vía.