O XIII Festival Atlántica renova o seu compromiso coa innovación, a investigación e a transmisión da tradición oral co apoio da Deputación
"Este é un encontro integrador, que suma e medra coas culturas como elemento motriz dunha sociedade aberta, rica e plural", salientou o deputado de Patrimonio, Xosé Penas, na presentación hoxe en Compostela
Do 28 de xuño ao 6 de xullo, as 27 sedes do festival acollerán as 85 funcións do programa no que participan 51 artistas de Arxentina, Escocia, Portugal, Italia, Valencia, Aragón, Canarias, Zamora e Galicia

O Festival Atlántica vén de presentar este martes, 17 de xuño, o programa completo da súa décimo terceira edición, que se vai celebrar entre o 28 de xuño e o 6 de xullo. Na rolda de prensa participaron Xosé Penas, deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña; Anxo Lorenzo, director Xeral de Cultura da Xunta de Galicia; Míriam Louzao, concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica do Concello de Santiago; e Soledad Felloza, directora de Atlántica. Ademais, tamén acudiron ao evento numerosos representantes de concellos e entidades colaboradoras do festival.
Atlántica, que conta co patrocinio da Deputación, renova o seu compromiso coa innovación, a investigación e a transmisión da tradición oral nun contexto social cambiante, nunha edición na que aposta pola conexión coa mocidade e a creación de novos públicos. Do 28 de xuño ao 6 de xullo, as 27 sedes do festival acollerán as 85 funcións do programa no que participan 51 artistas de procedencias tan diversas como Arxentina, Escocia, Portugal, Italia, Valencia, Aragón, Canarias, Zamora e Galicia.
"Atlántica", dixo Penas na súa intervención, "é un festival que suma, integrador, que medra coas culturas como elemento motriz dunha sociedade aberta, rica e plural". "E faino", engadiu, "facendo uso da lingua, o maior elemento patrimonial que contamos nestes tempos tan escuros como os que estamos a vivir".
Para o deputado, "falar do patrimonio oral, do uso da palabra como símbolo e como guía de coñecemento de as nosas historias e tradicions orais, é todo un luxo; pero a palabra é a mellor das armas e das ferramentas diante da intolerancia e do odio que emanan de todos aqueles que ven na palabra unha simple unión de letras".
Reafirmou tamén Penas o compromiso da Deputación co festival: "Nós non nos imos mover da nosa cadeira; todo o contrario, imos poñer máis cadeiras para que ano tras ano este festival, asentado claramente na programación cultural do país, siga medrando e para que o faga tan claramente con esa vocación de ser un voceiro do que fomos mais tamén do que estamos a ser".
Homenaxe a Castelao
Como novidade, nesta edición, Atlántica rende homenaxe a Castelao no 75 aniversario do seu pasamento, recoñecendo o seu papel clave na recuperación da cultura galega e o seu talento como narrador de historias. As testemuñas orais lembran a súa capacidade para emocionar co verbo, co conto breve e coa palabra viva. Atlántica quere celebrar tamén ese Castelao contador.
Esta reivindicación materializarase en dúas actividades, a primeira, unha lectura pública da obra de Castelao aberta á cidadanía no Panteón de Galegos Ilustres (Como dicía Castelao, 1 de xullo, 11.30-20.30 h,) que terá un peche festivo cun concerto das Bouba Pandeireteiras (1 de xullo, 21 h, CSC Maruxa e Coralia). E a segunda, un roteiro narrado polas rúas de Santiago da man de Quico Cadaval e mais Carme Varela que rememorará os nove anos de Castelao na cidade (A pegada de Castelao, 3 de xullo).
Tamén haberá espazo para a cativada, co Atlántica Miúdo, cuxa oferta se pode consultar, o mesmo co resto da programación do festival, na web festivalatlantica.gal.