O PEL da Deputación da Coruña leva concedidas 181 axudas a empresas e autónomos de Oroso por un importe de 1,8 millóns de euros
A deputada de Emprego, Rosa Ana García, e o deputado de Deportes, Antonio Leira, visitaron dúas empresas beneficiarias das axudas, que lles permitiron mellorar equipamentos e contratar persoal
O Concello de Oroso recibe este ano 43.000 euros do programa PEL-Concellos para a contratación de catro persoas desempregadas, que onte comezaron a traballar

A deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, e o deputado de Deportes, Antonio Leira, visitaron esta mañá o concello de Oroso para coñecer de primeira man o impacto do Plan de Emprego Local (PEL) no tecido empresarial e nos servizos municipais do municipio.
Durante a visita, os representantes provinciais achegáronse ás instalacións de dúas empresas locais: o ximnasio Ready Go Gym e a clínica Todosaúde, ambas beneficiarias das diferentes liñas de axudas do programa PEL.
No ximnasio Ready Go Gym, foron recibidos polos responsables da empresa, Verónica Rial e Ricardo De Angelis, que lles explicaron o funcionamento do centro, as actividades que ofrece e as melloras realizadas grazas a unha axuda de 17.500 euros do PEL. As axudas permitíronlles modernizar o equipamento e ofrecer un servizo máis completo á súa clientela, que hoxe conta cunha ampla variedade de actividades como musculación, cardio, pilates, spinning, crossfit ou yoga, explicaron os responsables do ximnasio.
A continuación, visitaron a clínica Todosaúde, que leva varios anos participando no programa PEL, cun investimento acumulado de 85.824 euros destinado tanto a contratación de persoal como á adquisición de equipamento relacionado coa súa actividade.
A deputada Rosa Ana García destacou "o papel fundamental do PEL no impulso económico local". "É unha ferramenta eficaz para apoiar ás pequenas empresas e persoas autónomas, permitindo crear emprego e fixar poboación no territorio. No caso de Oroso, falamos de 181 axudas e un investimento de 1,8 millóns de euros, que se traduciron en 45 empregos directos creados no municipio desde 2017", sinalou.
Pola súa banda, Antonio Leira puxo en valor o impacto directo das axudas sobre a calidade de vida da veciñanza de Oroso: "Cada empresa que medra grazas ao PEL está xerando riqueza, emprego e servizos no seu contorno. É un apoio que se nota no día a día do municipio", asegurou o deputado.
O Concello de Oroso recibe 43.000 euros para contratar a catro persoas
A xornada completouse cun encontro no Concello de Oroso co alcalde, Álex Doval, no que avaliaron o impacto da liña PEL-Concellos, destinada a que os municipios da provincia poidan contratar persoas desempregadas para reforzar os servizos públicos.
Este ano, o Concello de Oroso recibe 43.000 euros da Deputación a través desta liña, o que permite a contratación temporal de catro persoas desempregadas, que onte comezaron a traballar.
Antonio Leira destacou o carácter social do programa, xa que "ao tempo que ofrecer unha oportunidade laboral a persoas con especiais dificultades de inserción, é unha peza clave para garantir e mellorar os servizos básicos nos municipios máis pequenos".
O programa PEL-Concellos permitirá este ano a 91 concellos da provincia contratar a máis de 400 persoas en situación de desemprego, que prestarán servizos esenciais como limpeza viaria, mantemento de iluminación, recollida de residuos, xestión de augas e sumidoiros, conservación de parques e xardíns, ou apoio nos centros públicos de ensino.