A Deputación impulsa a promoción do patrimonio vitivinícola co seu apoio á II Feira do GastroLexítimo de Paderne
A institución provincial contará cun espazo propio dentro do recinto feiral, onde haberá un mercado de produtos locais e que acollerá un dos pratos fortes desta edición: o concerto de Luar na Lubre
A feira celebrarase os días 5 e 6 de xullo na parroquia de Esperela
O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, destacou que "a nosa participación nesta feira está aliñada co noso compromiso de apostar por un turismo gastronómico capaz de atraer a un perfil de visitante que saiba valorar todo o que o noso sector agroalimentario é capaz de ofrecer, e que o desfruta con sentido para non estropealo"

A Deputación da Coruña volve sumar esforzos co Concello de Paderne para facer posible a celebración da segunda edición da Feira do GastroLexítimo, que terá lugar os días 5 e 6 de xullo na parroquia de Esperela. A través do seu apoio, a institución provincial reafirma o seu compromiso coa posta en valor do patrimonio vitivinícola e gastronómico da provincia.
A feira, centrada na exaltación do viño Branco Lexítimo como estandarte da produción vinícola de calidade da comarca, foi presentada esta mañá no Mercado de San Agustín, na Coruña, nun acto no que participaron o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; o alcalde de Paderne, Sergio Platas; o concelleiro de Economía e Desenvolvemento Emprendedor, Ángel Germade; ademais de alcaldes, alcaldesas, edís, representantes do colectivo Coruña Cocina, produtores e adegueiros locais.
Durante a fin de semana, Esperela converterase nun espazo para a celebración da identidade local a través da gastronomía, do viño e do encontro entre xeracións. A programación inclúe degustacións, catas comentadas, exhibicións de esgrima histórica, talleres infantís, obradoiros de cociña, espectáculos de maxia, pasarrúas, homenaxes, así como actividades deportivas como o II Trail e Andaina 'GastroLexítimo'. O pregón correrá a cargo do coñecido presentador galego Paco Lodeiro, e o prato forte da fin de semana será o concerto de Luar na Lubre, o sábado ás 21:30 horas.
A Deputación contará cun espazo propio dentro do recinto feiral, onde se instalará un mercado de produtos locais procedentes de distintos puntos da provincia, e onde tamén se celebrará a actuación musical principal da feira: o concerto de Luar na Lubre. Este espazo servirá como escaparate do compromiso da institución co territorio e cos proxectos que contribúen á súa proxección económica e cultural.
O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, destacou a "calidade" dos viños da provincia, e da IXP Terra de Betanzos, "e citas como esta contribúen a poñelo en valor e a darlle a dimensión que merecen ás persoas que están apostando por recuperar a tradición vitivinícola local e traballar na mellora constante para acadar a excelencia". Regueira tamén afirmou que "en todos os escaparates nos que participamos – Madrid Fusión, Forum Gastronómico, Salón Gourmets... – exhibindo o Branco Lexítimo, o público queda gratamente sorprendido, polo que non podo máis que darlle os parabéns a un sistema productivo que sabe manter a tradición e conseguir os mellores caldos cun éxito internacional".
Regueira tamén afirmou que "a nosa participación nesta feira está aliñada co noso compromiso de apostar por un turismo gastronómico capaz de atraer a un perfil de visitante que saiba valorar todo o que o noso sector agroalimentario é capaz de ofrecer, e que o desfruta con sentido para non estropealo". Ademais, salientou o labor da Reserva da Biosfera, "alianza no turismo sustentable e de calidade".
A deputada Rosa Ana García expresou que esta cita "nace no corazón do rural" e que pon en valor "o noso, a identidade, o produto...". "É un orgullo para a Deputación colaborar con este evento gastronómico que promociona os nosos produtos incorporando novos elementos pero, ao mesmo tempo, mantendo a esencia do que somos".
Pola súa banda, o alcalde de Paderne, Sergio Platas, agradeceu "á Deputación da Coruña a súa colaboración co Concello de Paderne a manter viva unha feira que pon en valor a nosa gastronomía e viño autóctono", e fixo extensivo o seu recoñecemento á veciñanza, "por ter sempre unha resposta tan positiva e unha actitude participativa coas actividades e eventos do municipio".