O presidente da Deputación asistiu á posta en servizo da nova estación intermodal de Santiago- Daniel Castelao
As obras, cun investimento de 53 millóns de euros, permitiron construír un novo edificio de viaxeiros elevado sobre as vías, con preto de 5.300 m², nun espazo funcional e integrado na cidade mediante unha nova praza conectada coa rúa do Hórreo.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou esta mañá no acto de posta en servizo do novo edificio de viaxeiros da estación intermodal de Santiago de Compostela, que desde hoxe leva o nome de Daniel Castelao. O acto contou tamén coa presenza do secretario de Estado de Transportes e Mobilidade Sostible, José Antonio Santano, e da alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín.
Durante a visita, González Formoso destacou que "a nova estación é unha mostra do compromiso do Goberno co futuro de Galicia, cun modelo de mobilidade máis sostible, accesible e conectado que contribúe a cohesionar o territorio e mellorar a calidade de vida da cidadanía" e puxo en valor a elección do nome de Daniel Castelao, "unha figura de referencia na historia do noso país".
A actuación, cun investimento total de 53 millóns de euros, permitiu construír un novo edificio de viaxeiros elevado sobre as vías, con preto de 5.300 m², nun espazo funcional e integrado na cidade mediante unha nova praza conectada coa rúa do Hórreo. A nova estación integra os servizos ferroviarios e de autobús nun nodo multimodal que reforza o papel de Santiago como punto clave nas conexións do Eixo Atlántico e cara ao centro da Península.
A nova estación contará con paneis fotovoltaicos para mellorar a eficiencia enerxética, un novo aparcadoiro con máis de 900 prazas e espazos adaptados a usos docentes e técnicos. A obra está financiada a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, con fondos da Unión Europea-NextGenerationEU.