Formoso compromete o apoio da Deputación para preservar o Pozo do Cachón, en Muros
O presidente visitou o muíño de mareas na compaña da alcaldesa e a tenente de alcaldesa para comprobar o seu estado, e avanzou que, unha vez que o Concello dispoña dun proxecto para reparar as deficiencias estruturais, contará coa colaboración da institución provincial para poder executar as obras necesarias

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou o Pozo do Cachón, en Muros, para coñecer de primeira man o estado no que se atopa, tal como se comprometera coa tenente de alcaldesa e concelleira de Cultura e Turismo, Caridad González Cerviño. Na compaña da edil e da alcaldesa, María Lago, percorreu o que é un dos muíños de mareas máis importantes de Europa, e que na actualidade permanece pechado ao público debido aos problemas estruturais que presenta.
Tal como puido comprobar in situ, deficiencias na cuberta que están a causar filtracións de auga, unidas aos efectos da salinidade na pedra do edificio, fan necesaria unha intervención para a que o Concello contará co apoio da Deputación, segundo avanzou Formoso.
O presidente salientou o valor da construción, que constitúe non só un gran atractivo turístico para Muros, senón tamén un elemento singular dentro do patrimonio histórico da provincia coruñesa.
Segundo apuntou, o seguinte paso para avanzar na conservación do muíño é que o Concello redacte un proxecto para a consolidación de todos os elementos estruturais. Unha vez que estea concluído, a institución provincial prestará a súa colaboración para que se poidan executar eses traballos.
O Pozo do Cachón data de principios do século XIX. Nel destaca un dique de máis de 230 metros de lonxitude que facía posible aproveitar as mareas para moer o gran. O edificio chegou a contar con catro moas capaces de transformar en fariña máis de 200 quilos de cereal por hora. Nos anos 90, o muíño rehabilitouse con fondos da Deputación, co fin de habilitalo como museo e centro cultural.