A Deputación da Coruña e o Club de Prensa de Ferrol presentan o novo caderno de FerrolAnálisis sobre a relación histórica entre Ferrol e a Armada en 1898
A obra, elaborada por Juan Escrigas Fernández, inclúe valiosa documentación histórica e testemuños que permiten comprender mellor un período clave na historia da cidade.

O deputado portavoz do Goberno da Deputación da Coruña, Bernardo Fernández Piñeiro, participou esta tarde na Sala Carlos III da Fundación Exponav de Ferrol na presentación do novo número da publicación FerrolAnálisis, editada polo Club de Prensa de Ferrol coa colaboración da institución provincial.
Este número 37 da colección leva por título Ferrol y la Armada en 1898 e afonda na intensa vinculación histórica entre a cidade de Ferrol e a Armada, especialmente no contexto da Guerra de Cuba e dos acontecementos do chamado "Desastre do 98". A obra, elaborada por Juan Escrigas Fernández, conta tamén co apoio do Museo Naval de Ferrol e inclúe valiosa documentación histórica e testemuños que permiten comprender mellor un período clave na historia da cidade.
Durante o acto de presentación, no que tamén participaron a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Julia Díaz, e o propio autor do caderno, Bernardo Fernández destacou a importancia desta publicación como "espazo para a análise, a reflexión e a divulgación da historia e da identidade da nosa comarca".
O portavoz do goberno provincial salientou que Ferrol y la Armada en 1898 "achega un retrato completo dunha cidade ao servizo do seu país nun momento crítico, combinando o relato dos feitos bélicos cos testemuños humanos e culturais que nos permiten entender o sentir da época". Tamén agradeceu ao Club de Prensa de Ferrol "o seu incansable labor por manter viva esta publicación de referencia, que contribúe a preservar e divulgar a memoria colectiva da comarca".
O caderno analiza episodios clave da época, como o "Motín de Carranza", as dificultades técnicas e loxísticas da Armada ou a implicación dos estaleiros ferroláns na construción naval. Tamén recolle historias de vida de moitos ferroláns que participaron nos conflitos coloniais e os vestixios que aínda hoxe manteñen viva a súa lembranza na cidade.
Co apoio da Deputación da Coruña, a colección FerrolAnálisis consolídase como unha ferramenta fundamental para afondar no coñecemento do pasado da comarca, promovendo o estudo rigoroso da súa historia e contribuíndo á posta en valor do papel de Ferrol na historia de Galicia e de España.