O Consello de Contas salienta o sistema de contabilidade analítica da Deputación da Coruña como exemplo de boas prácticas na xestión pública
A ferramenta permite coñecer con exactitude e en tempo real, os custos reais dos servizos que presta, facilitando unha xestión máis eficiente, transparente e orientada á toma de decisións
O Consello de Contas de Galicia vén de destacar o sistema de contabilidade analítica da Deputación da Coruña como unha referencia a nivel autonómico no ámbito da modernización e mellora da xestión pública. O organismo fiscalizador resalta que a institución provincial coruñesa dispoña dunha ferramenta que permite coñecer, con exactitude e en tempo real, os custos reais dos servizos que presta, facilitando unha xestión máis eficiente, transparente e orientada á toma de decisións.
Así se recolle no recente informe publicado polo Consello de Contas baixo o título "Informe de análisis del coste efectivo de los servicios públicos municipales: gestión de los sistema municipales de las fases de abastecemiento y saneamiento del ciclo integral del auga"
O sistema implantado pola Deputación leva desenvolvéndose desde o ano 2009 e foi posto en marcha con medios propios. Trátase dun módulo específico que funciona de maneira integrada coa contabilidade financeira da institución, permitindo a imputación detallada de custos directos e indirectos a cada servizo, proxecto ou programa da administración.
A contabilidade analítica é unha ferramenta que complementa a contabilidade orzamentaria e financeira tradicional. Mentres estas últimas reflicten o cumprimento dos orzamentos e a situación económico-financeira da entidade, a contabilidade analítica permite, mediante a análise dun conxunto de indicadores, determinar canto custa realmente prestar cada servizo público, proporcionando información interna de alto valor para a xestión e para a planificación estratéxica.
As vantaxes máis destacadas inclúen a mellora da eficiencia na xestión, xa que permite detectar desviacións, reducir ineficiencias no gasto e optimizar os recursos públicos; a transparencia, xa que facilita o acceso aos datos de custes dos servizos públicos con información detallada e en tempo real e permite unha planificación estratéxica.
Ademáis, cando todas as administracións implanten estes sistemas de contabilidade analítica permitirá a comparación de datos entre diferentes institucións ou modelos de xestión.
Un modelo que debera ser estendido
O informe do Consello de Contas sinala que moitas entidades locais galegas aínda carecen deste tipo de ferramentas, o que limita a súa capacidade para planificar e avaliar correctamente os custos reais das actuacións públicas. Por este motivo, recomenda a implantación progresiva de sistemas de contabilidade analítica nas administracións locais, especialmente mediante solucións compartidas, formación técnica e apoio institucional.
Neste contexto, o modelo da Deputación da Coruña destaca unha vez máis pola súa consolidación, autonomía tecnolóxica e integración cos sistemas contables oficiais, converténdose nun referente útil para outras administracións e organismos públicos.
A experiencia da Deputación demostra que a contabilidade analítica non é só unha ferramenta técnica, senón un instrumento estratéxico ao servizo da boa gobernanza, da eficiencia institucional e da mellora da calidade dos servizos públicos.