Estás en:Emprego

A Deputación da Coruña destina 40.000 euros para apoiar os cursos de verán da Universidade Internacional Menéndez Pelayo en Galicia

A colaboración institucional permitirá ofertar máis de 15 actividades formativas entre maio e decembro de 2025

A Deputación da Coruña destina 40.000 euros para apoiar os cursos de verán da Universidade Internacional Menéndez Pelayo en Galicia

A deputada de  Cultura da Deputación da Coruña, Natividad González, e a representante da Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP), María Jesús Lorenzo, asinaron hoxe un convenio de cooperación polo que a institución provincial achegará 40.000 euros para cofinanciar os cursos na sede de Galicia durante o ano 2025.

Programa formativo diverso e de calidade

O programa contempla máis de 15 actividades formativas que abranguen disciplinas tan variadas como a medicina, a enoloxía, a biodiversidade, a divulgación científica, a historia, a arqueoloxía, a psicoloxía, as matemáticas, o cinema e a literatura. Entre os cursos destacados figuran:

Actualización en asma bronquial, dirixido por Luis Domínguez Juncal (maio)
O viño como cultura: patrimonio, turismo e xénero, por Cristina Alcalá (maio)
Divulgación da ciencia, por Moisés Canle, catedrático da UDC (xuño-xullo)
Curso especializado para a avaliación e intervención en violencia de xénero (xullo)
Santa María - Música en tempos de Alfonso X El Sabio (agosto)
Memoria mergullada: arqueoloxía, patrimonio e turismo baixo o mar (setembro)

Compromiso coa educación e a cultura

Esta subvención nominativa, incluída no Plan Estratéxico de Subvencións da Deputación Provincial da Coruña 2025/2027, representa o 57,55% do orzamento total da actividade, que ascende a 69.500 euros. A achega provincial financiará gastos como honorarios de relatores, desprazamentos, aloxamento, medios técnicos e difusión das actividades.
A deputada Natividad González subliñou que "este convenio reforza o compromiso da Deputación co fomento da educación e a cultura na provincia, mantendo unha colaboración estable desde hai anos e que  achega formación de máxima calidade aos galegos e galegas".

Tradición de colaboración

A cooperación entre a Deputación da Coruña e a UIMP ten as súas raíces no convenio asinado o 10 de xullo de 1982, polo que a institución provincial vén colaborando económica e institucionalmente coas actividades docentes e culturais que a universidade desenvolve cada ano na Coruña.
As actividades realizaranse entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2025 en diferentes sedes da provincia, incluíndo A Coruña, Santiago de Compostela, Ribeira e o Pazo de Mariñán.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X