Estás en:Emprego

A Deputación apoia o labor social do Comité Anti-Sida CASCO cunha achega de 60.000 euros para manter a súa rede de pisos de acollida

A entidade xestiona dúas vivendas de acollida na cidade da Coruña: unha para persoas seropositivas e outra para calquera persoa en situación de vulnerabilidade.

A Deputación apoia o labor social do Comité Anti-Sida CASCO cunha achega de 60.000 euros para manter a súa rede de pisos de acollida

A Deputación da Coruña outorga unha subvención nominativa de 60.000 euros á Asociación Comité Ciudadano Anti-Sida de Coruña (CASCO) para cofinanciar o programa de mantemento da súa rede de pisos de acollida durante o ano 2025. Esta achega supón preto do 23% do orzamento total da iniciativa, que ascende a máis de 263.000 euros.

O programa, que leva en funcionamento máis de dúas décadas, está centrado na atención residencial e integral a persoas en situación de exclusión social, con especial atención a persoas con VIH/SIDA. CASCO xestiona dous pisos de acollida na cidade da Coruña: un dirixido especificamente a persoas seropositivas e outro orientado a calquera persoa en situación de vulnerabilidade, sen importar a causa.

Ambos recursos funcionan en réxime residencial as 24 horas do día, os 365 días do ano, e contan cun equipo multidisciplinar formado por profesionais da psicoloxía, traballo social, educación, dereito, deporte e atención directa. A intervención realízase mediante itinerarios individualizados, adaptados á situación de cada persoa, e inclúe fases de recuperación médica, formación e inserción sociolaboral, ademais de actividades culturais, deportivas e de lecer.

A Deputación da Coruña considera que o labor que desenvolve CASCO é único na provincia e cumpre unha función social fundamental, ofrecendo apoio a persoas que, nalgúns casos, carecen doutras alternativas habitacionais e asistenciais. A institución provincial destaca o carácter especializado e integrador deste recurso, así como o seu compromiso coa dignidade, a saúde e a reinserción social das persoas usuarias.

Con esta colaboración, a Deputación reafirma o seu apoio ás entidades do terceiro sector que traballan na atención directa a colectivos en risco de exclusión, contribuíndo a garantir unha rede de recursos sociais máis xusta, inclusiva e comprometida co benestar de todas as persoas.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X