Estás en:Emprego

Dezanove compañías e unha trintena de espectáculos citaranse en Titiriberia 2025 co apoio da Deputación

O festival de monicreques tradicionais celebrarase en Rianxo do 12 ao 17 de agosto

Na presentación hoxe da cita, a deputada de Cultura, Natividade González, reafirmou a aposta da administración provincial "por proxectos coma este, que descentralizan a cultura, ábrense ao territorio e nos conectan coa tradición e a creación contemporánea"

Dezanove compañías e unha trintena de espectáculos citaranse en Titiriberia 2025 co apoio da Deputación

O festival de monicreques tradicionais Titiriberia, organizado pola asociación Morreu o Demo co apoio da Deputación da Coruña, o Concello de Rianxo, a Xunta de Galicia e o INAEM, celebrará a súa décima edición entre o 12 e 17 de agosto cun cartel que inclúe unha trintena de funcións e a presencia de dezanove compañías procedentes de Galicia, Navarra, Euskadi, Aragón, Valencia e Portugal.

Esta mañá presentouse a cita nunha rolda de prensa na que participaron a deputada de Cultura, Natividade González; a coordinadora artística do festival, Larraitz Urruzola; o concelleiro de Cultura de Rianxo, Julio Alcalde, e Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). González destacou a importancia do festival, "que soubo consolidarse como unha cita imprescindible no calendario cultural galego, poñendo en valor o teatro de monicreques, a tradición dos monicreques e a capacidade de emocionar a través da arte máis popular e accesible".

A deputada reafirmou a aposta da administración provincial "por proxectos coma este, que descentralizan a cultura, que se abren ao territorio, chegando ás parroquias, ás prazas e á praia, e que nos conectan coa tradición e a creación contemporánea". Tamén tivo palabras de gabanza para o programa e o traballo de Morreu o Demo: "A variedade de compañías, as estreas, as exposicións e a dimensión internacional desta edición falan do bo facer da organización e da capacidade do festival para crecer sen perder a súa identidade".

O festival

Titiriberia 2025 acollerá un total de seis estreas no seu programa, catro pertencen a compañías e outros dúas producións propias do festival. Dúas destas obras inéditas pertencen á compañía galega Seisdedos: "Teatro de mochila", que se poderá ver no Campo de arriba o sábado 16 ás 12 horas, e "Cantar do ano", que estará no mesmo espazo o mesmo día ás 20 horas. Trécola, pola súa banda, dará a coñecer ao público rianxeiro a súa obra "Pituquito Literal" no Parque de Santa Lucía, en Asados, o xoves 14 de agosto ás 11 horas. Xa o día seguinte, na praia de Tanxil ás 13.00 horas, A Cova das Letras representará "Costureiriña bonita",

Titiribeira produce, como cada ano, dous espectáculos colectivos de factura propia. O primeiro deles, "A festa dos títeres", poderase ver o martes 12 pola mañá e servirá para inaugurar a programación deste 2025 de forma oficial. Trátase dunha montaxe itinerante que partirá do Auditorio de Rianxo para percorrer as rúas e prazas da localidade. Actúan nesta obra as formacións Vai de Roda, Viravolta e Títeres Alakrán. O xoves ás 22.30 horas, no Campo de Arriba, chegaralle a quenda a "As varietés" de Barriga Verde, un espectáculo de variedades para todos os públicos que conducirá este ano Raquel López Cendán e durante o cal actuarán, entre outros artistas, a compañía lusa Red Cloud Marionetas, o actor e monicrequeiro Santi Prego, a formación galega Trécola Producións ou o cuarteto da Escola de Música de Rianxo.

Titiriberia terá como centros neurálxicos do festival o Auditorio Municipal e o Campo de Arriba, pero aposta un ano máis pola descentralización do seu programa, de xeito que varias funcións se celebran en parroquias como Leiro, Asados, Taragoña, Isorna, Araño e a praia de Tanxil.

Toda a programación pode consultarse na páxina web do festival, titiribeira.com

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X