Formoso analizou co alcalde de Rianxo os avances na residencia de maiores
O presidente da Deputación e Julián Bustelo abríronse a estudar vías de colaboración para outros proxectos de interese para o municipio

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, mantiveron un encontro no pazo provincial para analizar diversas iniciativas de interese para o municipio rianxeiro. Entre elas, trataron a situación da residencia para persoas maiores que a institución provincial impulsa en Rianxo, dentro do programa que inclúe a construción de tres centros de ámbito comarcal na provincia coruñesa (os outros dous, nas Pontes e en Ordes).
Formoso explicoulle ao rexedor que xa se está ultimando o modelo dunha iniciativa que, tal como recordou, ten como principal obxectivo ofrecer "un novo sistema centrado en proporcionar calidade de vida ás persoas usuarias, cun enfoque innovador tomado dos modelos máis avanzados neste eido". A nova rede servirá para prestar unha atención "máis humana, nun entorno máis amable", salientou, e destacou o emprego de novas tecnoloxías en domótica, medicina ou rehabilitación para contribuír a ese fin.
Ademais, Bustelo trasladoulle ao presidente provincial o interese do Concello en rehabilitar o pazo de Rianxiño, adquirido no seu día pola Administración local coa intención de pór en marcha nel un centro de día. Neste momento, tal como detallou o alcalde, "xa existe un proxecto e cóntase con diversos permisos sectoriais". A reunión serviu, nese senso, para abrir posibles vías de colaboración entre ambas institucións a hora de desenvolver un proxecto de tal envergadura.
Valentín González Formoso comprometeuse a que a Deputación analizará posibles mecanismos de apoio ao proxecto. "Somos conscientes da existencia dunha gran demanda de prazas para centros de día e sempre acollemos con sumo interese este tipo de iniciativas", asegurou.