Formoso comprobou coa veciñanza de Balarés os efectos do incendio que asolou a parroquia de Cospindo, en Ponteceso
O presidente da Deputación visitou unha zona na que as lapas chegaron a poucos metros das casas e dun establecemento hoteleiro

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou hoxe Balarés, no concello de Ponteceso, para comprobar os efectos do lume forestal que os servizos contraincendios conseguiron extinguir onte á noite. Alí tivo oportunidade de escoitar a veciños e veciñas afectados por un sinistro que se orixinou o pasado sábado pola tarde e que, segundo os últimos datos oficiais, afectou a unha superficie de 245 hectáreas, a maior parte delas de masa arbórea.
Dentro do mesmo termo municipal aínda permanecen activos dous incendios máis, nas parroquias de Brantuas e A Graña, que ata hoxe arrasaron outras 270 hectáreas.
No punto ao que se achegou o presidente provincial, onde aínda se podían ver ascuas fumeando no monte, as lapas avanzaron ata situarse a escasos metros de vivendas e un establecemento hoteleiro. Tamén do piñeiral que circunda a praia, situado en terreos da Deputación, e do novo aparcamento que a Administración provincial vén de construír.
Alí estiveron desenvolvendo o seu traballo os equipos contraincendios para evitar a propagación do lume cara eses puntos. No dispositivo tamén participaron efectivos do Consorcio Provincial, que se desprazaron desde o parque de Carballo.
Segundo explicaron varios dos presentes, o incendio, cuxo fume obrigou a evacuar toda esa área, incluso aos bañistas que se atopaban no areal cando se iniciou, causou ademais graves prexuízos a varios propietarios de montes. Formoso trasladoulles o apoio da Deputación da Coruña.