A Deputación da Coruña apoia as reivindicacións veciñais para manter a rotonda de Ledoño como medida de seguridade viaria
Os integrantes da plataforma veciñal foron recibidos hoxe na Deputación polo vicepresidente Xosé Regueira e o deputado e alcalde de Culleredo José Ramón Rioboo
A Deputación da Coruña expresou hoxe publicamente o seu apoio ás demandas da veciñanza de Ledoño para manter a rotonda situada no cruce da estrada AC-523 coa DP-3102, ao seu paso por Culleredo.
A institución provincial considera que a rotonda, que a Xunta prevía eliminar debido á construción do novo acceso a un colexio privado da zona, é unha infraestrutura útil e necesaria para mellorar a seguridade viaria nun punto que foi historicamente perigoso.
Integrantes da Plataforma Veciñal Salvemos a Rotonda Ledoño–Rumbo manifestáronse esta mañá diante da sede da Deputación, e foron recibidos no salón de plenos polo vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, e o deputado provincial e alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, que escoitaron as súas demandas e lles trasladaron o respaldo da institución provincial ás súas reivindicacións.
"A Deputación comparte a preocupación da veciñanza e apoiamos o acordo unánime tomado polo pleno do Concello de Culleredo para manter a rotonda, que non só ordena o tráfico, senón que reduce a velocidade nun treito que foi escenario de accidentes graves", asegurou o vicepresidente Xosé Regueira durante a reunión coa plataforma veciñal.
Pola súa parte, o tamén deputado provincial e alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, subliñou que "as administracións debemos escoitar á veciñanza e actuar con sentido común. Se hai consenso social, institucional e técnico sobre a necesidade desta rotonda, hai que poñer todos os esforzos en garantir que siga operativa e incluír outras melloras de seguridade viaria".
Os representantes veciñais agradecéronlle á Deputación a súa receptividade e apoio, e reiteraron que manter a rotonda é clave para evitar que se reproduzan situacións de risco e accidentes graves como os que xa se viviron no pasado.
A Deputación da Coruña respalda así o acordo unánime do pleno do Concello de Culleredo, que xa expresara a súa oposición á eliminación da rotonda e solicitara manter esta infraestrutura como medida disuasoria fronte ao exceso de velocidade.
A infraestrutura foi instalada no ano 2012, despois dun accidente mortal rexistrado no cruce. Dende entón, os veciños aseguran que se mellorou significativamente a seguridade da zona. A proposta da Xunta de Galicia para suprimir a rotonda no marco dun plan urbanístico vinculado a un novo centro educativo xerou unha importante mobilización veciñal nas últimas semanas.