A Deputación participa en Gastromar Ribeira promocionando os produtos locais da comarca
A deputada provincial, Sol Agra, participou esta mañá na inauguración deste festival gastronómico organizado pola Asociación de Empresarios de Ribeira que se desenvolverá en Ribeira do 22 ao 24 de agosto
A entidade provincial contará cunha foodtruck con elaboracións de produtos locais; ofrecerá showcookings impartidos por Xavier Arca Fernández, dos restaurantes Chicolino e Sisal, e un obradoiro infantil
A Deputación da Coruña participará esta fin de semana na feira Gastromar que, organizada pola Asociación de Empresarios de Ribeira, terá lugar en Ribeira dende o 22 ata o 24 de agosto. A deputada provincial, Sol Agra, acudiu esta mañá á inauguración do festival gastronómico, onde a entidade provincial contará cun espazo propio no que se celebrarán actividades para todos os públicos durante os tres días: foodtruck, showcookings con produtos locais e un obradoiro infantil. A deputada estivo acompañada do presidente da Asociación de Empresarios, Francisco Martínez; o alcalde de Ribeira, Luis Pérez Barral e a conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Marta Villaverde Acuña.
Durante os tres días, a Deputación ofrecerá unha ambiciosa programación baseada na promoción e divulgación de produtos locais. Contará cunha foodtruck con elaboracións con produtos do mar de Ribeira, concretamente navallas e ameixas, na que se repartirán 2.000 racións diarias. O venres e o sábado, o cociñeiro Xavier Arca, do Sisal by Chicolino (Pobra do Caramiñal), impartirá showcookings a base de produtos locais con degustación para 100 persoas. Ademais, o domingo 25 haberá un obradoiro infantil.
"Este 'Gastromar de Ribeira' encaixa coa campaña turística e gastronómica da Deputación 'A Paisaxe que Sabe', xa que celebra a idoneidade da comarca e da provincia, ademais de promover os produtos e a gastronomía locais, dinamizando a actividade comercial, turística, cultural e de ocio, convertendo a Ribeira nun escaparate perfecto para a promoción da cociña e o produto do mar, non só ante público local senón cun maior alcance, por celebrarse en agosto, onde a afluencia de visitantes, veciñanza que retorna á casa e turistas, é moito maior" sinalou a deputada. "E todo isto cun obxectivo fundamental: dar a coñecer Ribeira e animar ao consumo dos nosos peixes e mariscos e dar a coñecer a súa procedencia, contribuíndo así a manter o sector, os postos directos como os de mariñeiros e redeiras, e os indirectos, como os de comercializadores, lonxas, astelerios, distribuidores ou peixerías. E facelo dun xeito responsable co territorio".
A colaboración da Deputación, a través da área de turismo, con esta cita gastronómica, forma parte do seu compromiso co apoio a eventos que poñen en valor a gastronomía local e coa promoción dos produtos de proximidade, que se enmarca na súa campaña turística e gastronómica 'A paisaxe que sabe'. A través desta campaña, a institución viaxa a diferentes feiras de todo o Estado, nas que promociona a materia prima de diferentes produtores e produtoras locais da provincia, e tamén o traballo de cociñeiros e cociñeiras que exhiben nestos espazos o seu bo facer impartindo showcookings.