Estás en:Emprego

A deputada de cultura participa na inauguración do II Encontro Atlántico de Festivais de Cinema en San Sadurniño, que pon a ollada no rural como centro cultural

Natividade González suliñou a importancia de destacar os recursos do noso país e visibilizar o rural como espazo no que acontecen cousas. Subliñou tamén o achegamento ao asociacionismo e á riqueza cultural galega, así como o traballo de base que fortalece un sector audiovisual en crecemento. Lembrou que a cultura debe ser sempre accesible para todas as persoas

O encontro ofrece un espazo de conversa e análise arredor dos festivais que medran fóra dos grandes centros urbanos, co obxectivo de poñer en común prácticas, retos e oportunidades

A deputada de cultura participa na inauguración do II Encontro Atlántico de Festivais de Cinema en San Sadurniño, que pon a ollada no rural como centro cultural

A deputada de cultura, Natividade González, participou esta mañá na inauguración do II Encontro Atlántico de Festivais de Cinema organizado por PROXECTA, que se celebra hoe en San Sadurniño. Trátase dun espazo de diálogo e reflexión que reúne a profesionais do sector audiovisual para compartir experiencias, analizar retos comúns e fortalecer redes colaborativas.

Durante a presentación, Natividade González puxo o foco na importancia de destacar os recursos do noso país e visibilizar o rural como espazo no que acontecen cousas. Subliñou tamén o achegamento ao asociacionismo e á riqueza cultural galega, así como o traballo de base que fortalece un sector audiovisual en crecemento. Lembrou que a cultura debe ser sempre accesible para todas as persoas.

Despois dunha primeira edición celebrada en Zas, o evento aposta de novo por un enclave rural, afastado dos grandes núcleos urbanos, consolidando así o seu compromiso coa descentralización cultural e coa revitalización do territorio a través do cinema. Este ano, a temática xira arredor dos festivais que se desenvolven no rural, impulsados por colectivos que entenden a cultura como motor de transformación social e económica. A sesión da mañá está reservada ao encontro profesional baixo o título «Festivais do rural: cultura, comunidade e territorio», un espazo de diálogo entre cineastas, organizadores de festivais, programadoras e outros axentes do sector audiovisual.

Durante a tarde, o encontro abrirase ao público con dúas propostas cinematográficas que destacan a creación galega contemporánea e a vontade de poñer en diálogo ás cineastas coas espectadoras. Ás 19:00h, proxectarase unha selección de curtas realizadas na Chanfainalab pola veciñanza ou por afeccionados locais de San Sadurniño. A xornada continuará coa proxección de "Salvaxe, Salvaxe" coa presenza do director Emilio Fonseca e a produtora Xiana do Teixeiro. A encargada de poñer punto final ao Encontro será a cantautora Su Garrido Pombo que ofrecerá un concerto na Sala DZine ás 22.00h.

O obxectivo do Encontro vai máis alá da xornada en si. Pasa por crear un espazo de aprendizaxe, inspiración e fortalecemento para as profesionais, e ao mesmo tempo ofrecer á veciñanza unha experiencia cinematográfica viva, conectada coa súa identidade e co seu territorio.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X