Estás en:Emprego

A Deputación da Coruña reivindica o rural como espazo de oportunidade empresarial no Congreso Anual da AJE Galicia

Valentín González Formoso destaca o papel fundamental da mocidade emprendedora na modernización do tecido produtivo galego e defende a necesidade de poñer o rural no centro das políticas públicas

A Deputación da Coruña reivindica o rural como espazo de oportunidade empresarial no Congreso Anual da AJE Galicia

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou este xoves no Auditorio de Ferrol na clausura do Congreso Anual da Asociación de Jóvenes Empresarios de Galicia (AJE), celebrado baixo o lema "Construíndo futuro: reconversión empresarial e impulso do rural". Durante a súa intervención, Formoso puxo en valor o papel fundamental da mocidade emprendedora na modernización do tecido produtivo galego e defendeu a necesidade de poñer o rural no centro das políticas públicas.

"Estamos nun momento clave", asegurou, dirixíndose a un auditorio formado por novos empresarios e empresarias. "Un momento no que moitas persoas novas estades a demostrar que é posible emprender desde Galicia, desde o rural, sen renunciar á innovación, á competitividade nin á ambición global". Nese sentido, destacou exemplos de éxito como Casa Grande de Xanceda ou Maruxas de Nata, que participaron nas mesas redonda do congreso e que representan empresas combinan identidade territorial con crecemento e innovación.

O presidente provincial destacou que "nesta época da dixitalización e da IA, polo tanto, na época do macroconsumo enerxético, Galicia non vai quedar atrás, senón que podemos liderar, protagonizar e ser a chave de todos os proxectos enerxéticos e industriais que España e Europa queren aterrar no territorio". Neste senso, subliñou a relevancia capital que ten aproveitar o potencial enerxético para ser un motor desta nova revolución dixital, dos datos e das intelixencias artificiais que está chegando nos últimos anos.

Formoso repasou as principais liñas de acción da Deputación en materia de emprego, emprendemento e desenvolvemento rural, con especial mención ao Plan de Emprego Local (PEL), "unha das políticas de emprego máis ambiciosas impulsadas por unha administración local en Galicia", que mobilizou preto de 120 millóns de euros na última década.

Segundo explicou, este plan permitiu a creación de 7.700 empregos no sector público e privado, o apoio a 2.700 pequenas e medianas empresas en procesos de investimento e modernización, a concesión de axudas directas a 4.000 persoas autónomas para o pago das súas cotizacións sociais e o impulso de 263 proxectos emprendedores nacidos nos 11 centros que conforman a Rede Provincial de Coworking.

A rede de coworkings da Deputación, con presenza en concellos como A Capela, Moeche, Vedra, As Pontes, Boiro ou Miño, foi cualificada como "viveiros de ideas e de futuro", por ofrecer espazos de traballo, asesoramento, formación e conexión co territorio.

O presidente tamén avanzou novas liñas de acción, como a incorporación de cláusulas demográficas na contratación pública, co obxectivo de favorecer ás empresas que operan no rural e contribúen a fixar poboación. "Queremos usar a contratación pública como ferramenta de reequilibrio territorial", afirmou.

Neste marco, puxo como exemplo o centro de xestión de Fondos Next Generation da Deputación, situado na Capela, ou a Oficina Acelera Pyme, con sede en Ponteceso, que ofrecen servizos de alto valor engadido desde o rural.

"Non queremos un rural que só recibe, senón un rural que produce, que lidera, que transforma", concluíu Formoso. "E ese futuro estades a construílo vós: mozos e mozas que apostades por emprender, innovar, crear emprego e xerar impacto desde Galicia, sen complexos e con ambición", afirmou.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X