Estás en:Emprego

A Deputación da Coruña impulsa un novo modelo público de atención ás persoas maiores: as Casas de Acompañamento aos Maiores (CAM)

O plan contempla a creación de tres centros residenciais nas Pontes, Ordes e Rianxo con atención personalizada, tecnoloxía avanzada e integración comunitaria, baseados mos modelos europeos de 5ª xeración

Formoso: "As novas CAM apostan por centros pequenos e de proximidade, cun modelo que evita o desarraigo das persoas maiores, máis parecido a un fogar que a un hospital"

As CAM contarán con 59 prazas divididas en catro unidades convivenciais e dotadas de xardíns terapeúticos, horticultura, espazo para reunir ás familias, comedores descentralizados, decoración e mobiliario elixidos polo residente e incluso a posibilidade de convivir con mascotas

A Deputación da Coruña impulsa un novo modelo público de atención ás persoas maiores: as Casas de Acompañamento aos Maiores (CAM)

A Deputación da Coruña presentou hoxe o seu novo modelo residencial para persoas maiores: as Casas de Acompañamento ás Persoas Maiores (CAM), unha iniciativa pioneira en Galicia que aposta por un modelo público, próximo, sostible e centrado na persoa.

A proposta inicial inclúe a construción e posta en marcha de tres centros nos concellos das Pontes, Ordes e Rianxo, que funcionarán como minirresidencias de última xeración, pensadas para garantir coidados de calidade sen desarraigar ás persoas maiores do seu entorno habitual.

O acto de presentación contou coa participación do presidente da Deputación, Valentín González Formoso; o vicepresidente e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira; a deputada de Política Social, Mar García Vidal; e o portavoz da empresa Galigers, Miguel Ángel Vázquez, médico xeriatra e especialista en envellecemento activo e modelos comunitarios de coidados. Galigers é a empresa encargada do deseño técnico do modelo, e colaborou co equipo de Política Social da Deputación na elaboración do estudo de viabilidade, planificación asistencial e definición arquitectónica das futuras CAM.

Segundo explicou Valentín González Formoso, trátase dun modelo alternativo ao das grandes residencias institucionalizadas, que rompe coa dinámica de concentración de prazas en cidades e aposta por centros de pequeno tamaño, integrados no territorio, con atención profesional, tecnoloxía de vangarda e participación comunitaria. O presidente da Deputación destacou que este modelo "está pensado para evitar o desarrigo das persoas maiores, en atender ás persoas maiores sen que teñan que abandonar a súa contorna vital, os seus vínculos sociais e afectivos, nin a súa autonomía persoal".

As CAM inspíranse nas experiencias máis avanzadas do norte de Europa, como as implantadas en Dinamarca, Suecia ou os Países Baixos, onde se están a substituír os macrocentros asistenciais por unidades de convivencia máis pequenas, humanas, e abertas ao entorno. Cada CAM contará cun máximo de 59 prazas, divididas en 4 unidades convivenciais que reproducen un modelo de fogar, con espazos propios, cociña, zonas comúns, habitacións individuais ou dobres con baño propio e un equipo profesional de coidado permanente.

Primeira residencia nas Pontes

A residencia das Pontes será a primeira en construírse e xa conta con ubicación definida na antiga Escola Pardo Bazán, situada no centro da vila, a carón do centro de saúde e doutros servizos esenciais, o que facilitará a integración na vida comunitaria. Os centros están pensados para estadías permanentes ou temporais, segundo as necesidades das persoas usuarias e das súas familias.

Segundo explicou Formoso, o novo modelo responde a unha necesidade obxectiva do territorio. "Galicia é unha das rexións máis avellentadas de Europa. No ano 2025 hai 719.891 persoas maiores de 65 anos, o que representa o 26,6 % da poboación. Ao mesmo tempo, Galicia ten unha das ratios máis baixas de prazas públicas de todo o Estado: só 2,49 prazas por cada 100 persoas maiores, fronte ao 4,22 % da media española e ao 5 % recomendado pola Organización Mundial da Saúde e a Unión Europea", explicou.

Formoso incidiu en que "só na provincia da Coruña serían necesarias case 5.000 prazas residenciais novas para acadar a media estatal, o que equivalería a construír arredor de 48 residencias". As comarcas do interior como presentan unha oferta pública moi reducida ou inexistente. A área de influencia de As Pontes, por exemplo, abrangue máis de 215.000 persoas, das cales arredor de 42.000 teñen máis de 65 anos, sen cobertura asistencial suficiente.

As CAM da Deputación da Coruña pretenden dar resposta a esta realidade cun enfoque moderno e humanizado, que aposta pola atención centrada na persoa, a autonomía, a calidade de vida e a proximidade. "Non serán só residencias, senón centros integrais de acompañamento baseados nun modelo innovador, máis sensible e máis cercano. Un modelo distinto, que suplementa ao da Xunta de Galicia, que non compite co sistema existente, e que pretende integrar á sociedade do entorno. Que non sexan espazos pechados, senón abertos á comunidade e onde poda haber convivencia entre xeracións, máis parececidos a un fogar", explicou.

Neste sentido, Formoso agradeceu a disposición da Xunta de Galicia ao concerto de prazas nos CAM da Deputación, tal como lle trasladou a conselleira de Política Social, Fabiola García, na reunión que mantiveron sobre este asunto hai uns meses.

O concerto autonómico permitirá garantir o acceso ao servizo a persoas con pensións baixas e facilitaría a ocupación sostida dos centros. A concertación suporía tamén un reforzo da coordinación entre administracións para avanzar cara a un sistema público galego de coidados máis sólido, moderno e equitativo.

Pola súa banda, o vicepresidente Xosé Regueira afirmou que "a asistencia é necesaria para facerlle fronte aos últimos días de vida das persoas. E a Deputación da Coruña sempre se comporta coma unha administración responsable; neste caso, para buscar a colaboración necesaria con outras administracións, pero co obxectivo innegociable de poñer en marcha un modelo diferente".

"E o modelo polo que aposta a Deputación da Coruña é un modelo máis humano, con menos persoas, pero mellor atendidas; e, sobre todo, un modelo que dignifique as persoas. Agora mesmo as persoas necesitan zonas de zonas de convivencia e non zonas de almacenamento.Por iso van ser centros de acompañamento de maiores e levar nomes referenciais da cultura galega, porque nós, politicamente, temos desbotado para sempre a palabra residencias", apuntou Regueira.

Un modelo innovador e distinto

Miguel Ángel Vázquez, médico xeriatra, explicou o modelo deseñado pola empresa Galigers para a Deputación e inspirado nos países do norte de Europa. O modelo é froito do traballo coordinado dun amplo equipo multisdiplinar composto por arquitectos, xeriatras, traballadores sociais...buscando "unha arquitectura integradora o máis parecida a un domicilio", en centros pequenos (59 prazas por CAM) divididos en catro unidades convivenciais de entre 14 e 16 persoas que contarán con cociña e salón e que tratan de "escapar dos modelos hospitalarios".

Así, as CAM da Deputación contarán con xardíns terapeúticos, horticultura, espazo para reunir ás familias, comedores descentralizados, decoración e mobiliario elixidos polo residente e incluso a posibilidade de convivir con mascotas.

O doutor Vázquez considerou "un acerto este cambio de modelo, que pode ser no futuro un modelo para Galicia e para toda España" e incidiu tamén en que cada centro xerará corenta empregos directos, axudando a asentar emprego e poboación no rural.

Tecnoloxía de vangarda

Os centros incorporarán tamén tecnoloxía asistencial de vangarda, como sensores de presenza e confort ambiental (luz, ruído, temperatura), sistemas de prevención de caídas, localización intelixente, monitores biométricos, telemedicina en especialidades como cardioloxía ou neuroloxía, dispositivos wearables, robótica de apoio e ferramentas de rehabilitación física e cognitiva. O uso da xerontotecnoloxía permitirá complementar o coidado humano, mellorar a eficiencia e garantir unha atención máis personalizada e segura.

Este novo modelo de Casas de Apoio aos Maiores foi un dos temas principais do pleno da Deputación da Coruña, no que se aprobou a constitución da comisión político-técnica que pilotará a implantación e desenvolvemento do proxecto, en colaboración co persoal técnico, os concellos implicados e a rede asistencial existente.

Con esta iniciativa, a Deputación da Coruña pretende contribuír a solventar o problema da falta de prazas residencias para maiores implanatando un modelo residencial pioneiro en Galicia que aspira a ser complementario ao da Xunta e tamén exemplo a nivel estatal.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X