A Deputación da Coruña destaca o labor de Arelas no seu 10º aniversario

A deputada de Política Social da Deputación da Coruña, Mar García Vidal, participou hoxe en Santiago no acto de conmemoración do décimo aniversario da Asociación Arelas, acompañada pola alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín.
Durante a súa intervención, Mar García destacou o traballo esencial desenvolvido por Arelas ao longo desta década na defensa dos dereitos e no acompañamento de nenas, nenos e adolescentes trans e das súas familias. "Dez anos de compromiso, de esforzo e de valentía, traballando por unha causa esencial", afirmou a deputada, quen cualificou a Arelas como "un espazo de apoio, educación e concienciación, que promove unha sociedade máis xusta e inclusiva".
A representante provincial puxo en valor que o labor da entidade "non só cambia vidas, senón que tamén inspira á administración pública e á sociedade a actuar con responsabilidade e empatía". Ademais, resaltou que grazas ao traballo de Arelas, moitas persoas novas poden vivir a súa identidade "con dignidade e orgullo", mentres as súas familias reciben orientación, apoio e seguridade.
Mar García inciciu no apoio da Deputación a iniciativas en favor da a igualdade e a diversidade. "Construír unha sociedade máis igualitaria require o esforzo conxunto de entidades públicas, asociacións e cidadanía", afirmou Mar García Vidal, quen agradeceu a Arelas a súa "dedicación e exemplo".