Estás en:Emprego

O 26 de setembro chega a Coruña o festival de cine Intersección co apoio de Cultura da Deputación

Cantones Cines acolleu esta mañá a presentación da programación, onde participou a deputada de cultura, Natividade González

Celebrarase ata o 4 de outubro en espazos clave da cidade como Cantones Cines, Filmoteca de Galicia, Fundación Luis Seoane e Sala Palexco
Máis de 100 filmes de 17 países, 17 filmes inéditos no noso país e un centenar de profesionais do sector consolidan o festival como punto de encontro do cinema contemporáneo

O 26 de setembro chega a Coruña o festival de cine Intersección co apoio de Cultura da Deputación

Palexco acolleu esta mañá a presentación dunha nova edición de Intersección, un festival de cine que terá lugar na Coruña do 26 de setembro ao 4 de outubro co apoio da Deputación da Coruña. A deputada de cultura, Natividade González, participou no acto, xunto ao director do festival, Gonzalo E. Veloso; o director da Axencia Galega de Industrias Creativas, Jacobo Sutil e o concelleiro de Cultura da Coruña, Gonzalo Castro.

Con máis de 100 filmes de 17 países, INTERSECCIÓN 2025 converterá A Coruña nun escaparate internacional das novas linguaxes do cinema. O festival trae 17 filmes inéditos en España, incluíndo 7 estreas mundiais que o público descubrirá por primeira vez. A programación destaca pola pluralidade de enfoques e polo peso das cineastas, que asinan un 57% das obras seleccionadas. Desde Finlandia ata Filipinas, pasando por Brasil, Austria, Francia ou Turquía, as películas que chegan este outono á Coruña ofrecen unha oportunidade única para descubrir miradas e sensibilidades que dificilmente atoparán espazo noutros circuítos. A programación de INTERSECCIÓN 2025, que se celebrará do 26 de setembro ao 4 de outubro, desenvolverase en espazos clave da cidade como Cantones Cines, Filmoteca de Galicia, Fundación Luis Seoane e Sala Palexco.

"Como deputada de cultura" sinalou González, "quero dicir con claridade que apostamos pola cultura como un dereito e como un motor estratéxico para o desenvolvemento da nosa provincia. E proxectos como INTERSECCIÓN amósannos que investir en cultura é investir en futuro, en cohesión social e en benestar colectivo" apuntou. Trátase dun festival "que coloca a creación galega no lugar que lle corresponde: no diálogo directo coas linguaxes máis innovadoras do cinema contemporáneo". Ademais, afirmou que é "un orgullo que máis da metade das obras seleccionadas leven a sinatura de mulleres cineastas, o que reforza a súa vocación de diversidade e igualdade. Iso non é un detalle menor: é un paso adiante na construción dunha cultura máis xusta, máis diversa e máis representativa".

A deputada recalcou o compromiso da Deputación coa cultura, "apoiando proxectos que dean visibilidade ao talento galego e que nos axuden a conectar co mundo. Porque a cultura non só enriquece: tamén nos fai máis libres, máis críticos e máis conscientes do que somos e do que queremos ser como sociedade. E esa é a nosa responsabilidade como institucións: garantir que a cultura chegue a toda a cidadanía, que teña espazo e que sexa tratada como unha prioridade política". Neste sentido, expresou que, con Intersección, "demóstrase que é posible facer cultura de calidade, innovadora e internacional, sen perder a raíz local nin o compromiso co noso sector".

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X